A Señora Carme, tesouro vivo na memoria

Foise un “tesouro vivo” do patrimonio inmaterial galego-portugués. Queda o seu saber e a súa voz.

Na altura dos seus 89 anos, Carme Pérez Navasal, ben coñecida como Carmen de Campos, ou simplemente como a señora Carme, deixounos neste inicio do ano en Mos. A señora Carme foi fundadora e solista da agrupación Malvela, o conxunto formado co impulso dun curso impartido por Uxía a un grupo de mulleres de Mos. Con Malvela a señora Carme gravou catro discos e agasallounos con fermosos momentos nos escenarios. Ademais, en 2007, gravou un livro-disco-dvd que contou coa colaboración dun feixe de coñecidos artistas como a propia Uxía, Xosé Manuel Budiño, Dulce Pontes ou Rodrigo Romaní, entre outros.

A enerxía desta muller queda recollida tamén nun DVD, onde a Señora Carme amosa o seu lado máis humano, recordando os seus inicios na música cando de moza, despois dunha dura xornada de traballo no campo, achegábase até o muíño para entoar as melodías que a acompañarían durante toda a súa vida. As lembranzas daquela época, unha Galiza completamente diferente da actual, xorden dos 12 temas de Na flor dos meus anos. Á beira o escritor Fran Alonso asinaba o libro no que se nos amosa o lado máis humano desta muller.

Neste vídeo interpreta Maio longo, no Alalá da TVG do día 9 de xuño de 2008

Velaquí o videoclip promocional do disco “Na flor dos meus anos”, o debut en solitario da Señora Carme (Podedes atopar o libro CD-DVD da Sra. Carmen en www.paitunes.com)

Tamén estoutra peza, ‘Ramo Verde’, o segundo videoclip promocional de “Na flor dos meus anos”

E aquí, pezas completas interpretadas pola Señora Carme para o programa Alalá, capítulo 81, da Televisión de Galicia – TVG.

A Señora Carme, un tesouro vivo da música galega tradicional, foi unha das persoas que axudou a darlle visibilidade á Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués presentada na UNESCO hai dez anos por Ponte…nas ondas!

Na súa memoria, hoxe e sempre, defendamos este patrimonio para o futuro!