A tradición dos Reis permaneceu viva ata hai pouco tempo en Boimorto, e en toda a comarca, é por iso que dende hai dez anos vense celebrando un certame de cuadrillas de Cantares de Reis que comezou sendo concurso e rematou por ser mostra. Paralelamente convocáronse concursos de recolla de folclore arredor deste tempo e publicáronse un libro cd con recollas de toda Galicia e posteriormente editouse un cd con cantos de Nadal e Reis gravado polas cuadrillas participantes na mostra.
Este ano a organización quixo darlle unha volta máis no disfrute da nosa tradición e convoca, ademais da Mostra de Cantares de Reis que se celebrará o día 3 de xaneiro, o I Encontro Peninsular Arredor dos Cantares en Tempo de Reis. Postos en contacto con xentes amantes e con opinión na tradición das diversas culturas peninsulares, pedíuselles un traballo a cada un para expoñer en Boimorto o día 10 de xaneiro.
Este encontro pretende ser aberto á participación e á opinión e o seu obxectivo é o de reflexionar, compartir, debater e gozar arredor dos cantares e costumes en Tempo de Reis.
Para isto é para o que convocamos a tódolos interesados nesta actividade a asistir o día 10 de xaneiro a partir das dez da mañá e pasar connosco un día compartindo tradición e ilusión.
Serán sete os invitados principais que expoñerán cada un, durante vinte minutos, a poñencia ou comunicado elixido, tendo a continuación outros vinte minutos de debate e dez de descanso:
o Por Cataluña Gianni Ginesi
o Por Euskadi Josu Larrinaga
o Pola Meseta José Antonio Alonso e Joaquín Díaz
o Por Portugal Domingos Morais
o E por Galicia Cristina Sánchez Carretero e Xesús Mato Mato.
Algúns dos convidados interpretarán unha mostra do folclore da cultura que representan.
Estableceuse liberdade para que calquera que queira participar poida facer o seu comunicado que será entregado a tódolos participantes. Cabe desde unha opinión razoada sobre cuestións antropolóxicas, etnográficas, musicais… ata unha análise dunha canción deste tempo ou calquera aspecto que se xulgue interesante e teña a ver co tema.
Sería pois así a distribución do tempo:
o 10:00h.Recepción de participantes e convidados e inauguración do Encontro pola alcaldesa de Boimorto Dna. Ana Ledo
o 10:15h.Primeira poñencia, debate mostra de folclore.
o 11:05h.segunda poñencia, debate e mostra.
o 11:55h. terceira poñencia, debate e descanso.
o 12:45h.cuarta poñencia, debate e parada para xantar.
o 14:00h.Xantar.
o 16:00h.quinta poñencia , debate e mostra.
o 16:50h.sexta poñencia, debate e descanso
o 17:30h.sétima poñencia.
o 18:00h.Posta en común, debate e conclusións
o 19:15h.Clausura do encontro e contacto máis distendido para os que queiran quedarse.
Os comunicados que libremente calquera queira facer deberíansenos entregar cunha semana, polo menos, de antelación para así poderllos entregar a cada un dos poñentes e participantes.
Sería ben, para o bo desenvolvemento do Encontro que se nos comunicase, na páxina Web ou telefonicamente ó Concello de Boimorto, a participación neste Encontro para podermos prever a asistencia por cuestións de infraestrutura.
Organiza: Concello de Boimorto
Servizo de Normalización Lingüística.
normalizacion.linguistica@boimorto.es
Teléfono: 981 51 60 20