O próximo luns, ás 21h, presentase o libro-disco-dvd nunha gala no Teatro-Cine Fraga Caixa Galicia en Vigo
O proxecto Meniños Cantores, presentado esta mañá en Santiago de Compostela, ofrece unha visión moderna e innovadora da nosa tradición musical. Nesta afirmación coincidían esta mañá os responsables de dar conta do traballo realizado por dezasete escolas galegas e portuguesas co Patrimonio Inmaterial que agora se ven material nun libro-disco-dvd.
O Director Xeral de Creación e Difusión Cultural, Luis Bará, destacou “a visión moderna e innovadora” que no tratamento da tradición aporta “Meniños Cantores”, remarcando que se trata dunha visión actualizada do traballo coa musica tradicional de Galicia e Portugal. Manifestou amais que dende a Xunta de Galicia creen nesa visión moderna de Galicia que aporta este proxecto, e que ao tempo transmite “unha visión nova da nosa cultura cunha importante proxección de futuro”.
O escritor Suso de Toro, un dos artistas que colabora no proxecto, afirmou que “este non é un produto cultural ao uso” sinalando que “é un produto especial xa que sae fora dos circuítos comerciais ao uso coma as industrias discográficas”. Gabou tamén Suso de Toro o traballo feito en “Meniños Cantores” manifestando que “é de alta calidade e vai competir no mercado europeo no sentido máis amplo da palabra”. Este escritor galego subliñou a importancia de que a iniciativa xorda da sociedade civil e poña en valor un patrimonio cultural compartido entre Galicia e Portugal, amosando o seu convencemento de que “vai axudar a mellorar as relacións entre as dúas beiras”.
O actor Carlos Blanco, que presentará a gala de Meniños Cantores que se vai celebrar o próximo luns en Vigo, foi o responsable de explicar o pormenores desta presentación que se celebrará no Teatro-Cine Fraga Caixa Galicia ás 21h. Vai ser, segundo explicou, un espectáculo multimedia que contará coa actuación en directo de centros educativos de Galicia e Portugal – protagonistas de Meniños Cantores – así coma de figuras da música tradicional coma Xose Manuel Budiño e Leilía. Tamén participarán Augusto Canario e Luis Caruncho cunha representación dos cantares ao desafío e as regueifas, dúas das manifestacións do Patrimonio Inmaterial que forman parte da Candidatura. Estas actuacións combinaranse con proxeccións audiovisuais e cunha espectacular montaxe en directo realizada polo equipo da TVG.
Fernando Abreu, en representación dos profesores de música que colaboraron en Meniños, explicou coma se realizou o proceso de gravación de todo o traballo, e destacou que o resultado é “unha posta en valor moderna do patrimonio inmaterial” engadindo que “consigue que os alumnos dos institutos coñezan a tradición musical aínda que a recreen con novas instrumentacións e acordes”.
Santiago Veloso, Presidente da Asociación Ponte…nas Ondas!, foi o responsable de abrir o acto e explicar os pormenores do proxecto Meniños Cantores sinalando que é “un traballo co Patrimonio Musical Galego-Portugués abordado por nenos, mozos, profesores, músicos e artistas galegos e portugueses” desenvolvido tendo coma referencia a Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués.
Meniños Cantores estrutúrase en tres soportes en galego, portugués, castelán e inglés:
– Un Libro 98 páxinas a cor, con letras, textos, debuxos e fotografías
– Un CD con 28 temas musicais e pistas interactivas
– Un DVD que inclúe dous documentais: un documental de 60 minutos que recolle o proceso de realización de “Meniños Cantores”, outro documental titulado “Un patrimonio para o futuro” cunha duración de 60 minutos; 17 videoclips, e cancións coa opción de versión karaoke.
A súa presentación pública será o próximo luns, 7 de novembro, ás 21h no Teatro-Cine Fraga Caixa Galicia nunha gala que será gravada pola TVG.