A Candidatura segue a sumar apoios: Sinaturas e concertos a prol do noso patrimonio

En plena conta atrás para que a UNESCO dea a coñecer o próximo 25 de novembro a súa resolución sobre as Candidaturas do Patrimonio Inmaterial que optan a ser recoñecidas coma Obra Mestra da Humanidade, a Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués segue a sumar apoios.

Ao través da páxina web da Candidatura www.opatrimonio.org, no “Taboleiro de Anuncios” séguense a recibir mensaxes e sinaturas de apoio á Candidatura que dan os parabéns pola iniciativa e amósanse convencidas do recoñecemento que o próximo día 25 poderá facer a UNESCO.

Moi numerosos son tamén os apoios que chegan dende o portal www.vieiros.com. Máis de 1.200 sinaturas chegadas dende os máis diversos lugares, Galicia e Portugal, pero tamén dende outros países europeos, amosan o seu apoio ao Patrimonio Inmaterial Galego Portugués. Pero a iniciativa de Vieiros vai máis aló, e permite descargar cinco banner para colocar nunha páxina web en apoio á Candidatura.

Pero estas non son as únicas iniciativas. Onde mesmo nas VII Xornadas de Musica e Danza Tradicional que se celebran en Vigo promovidas pola Concellería de Festas e Animación Sociocultural e a Asociación Cultural Interfolk os Gaiteiros da Xistra dedicaban a súa actuación á Candidatura, manifestando así o seu apoio. Unha actuación na que amosaron parte dese Patrimonio que opta a ser recoñecido pola UNESCO, con temas populares recollidos no Rosal, en Oia, e en Vigo.

Esta mesma noite en Ourense, o Concello promove a celebración do Samaín, dentro tamén dunha serie de actos apoiando á Candidatura. Hoxe, ás 17.30h, na Praza da Imprenta desenvolverase un Obradoiro de decoración de cabazas. Ás 20.30 h está prevista unha procesión de cabazas polo Ourense Vello, que terá o alumeado público apagado. E xa ás 21.30 h na Praza da Pena Vixía haberá unha Festa do Samaín.

Xa o mércores día 2, en Bruxelas o grupo musical IALMA, referente da música galego-portuguesa na emigración, dedicará á Candidatura a o concerto que ofrecerá no festival “Voix de Femmes”. Será un concerto no que actuarán xunto ás Damas de Laxoso.