A UNESCO recibe a Declaración dos europarlamentarios en apoio á Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués

pno_bruxelasManifestan o seu apoio a “unha candidatura que reflicte a cooperación entre dous países da Unión Europea, destacando a súa orixe no ámbito educativo, como instrumento de futuro para evitar a desaparición dunha cultura común”.

Hoxe xoves foi entregada en París, ante a División de Patrimonio Inmaterial da UNESCO, a declaración de apoio de varios membros do Parlamento Europeo, á Candidatura multinacional presentada por Portugal e o Estado español á UNESCO. Unha candidatura que entra na fase final das proclamacións das Obras-Mestras da Humanidade, que van ser decididas o vindeiro 25 de novembro. A Declaración europea foi entregada por unha representación da Comisión Promotora da Candidatura.

A declaración foi asinada por 24 eurodeputados e eurodeputadas de Portugal, España e Italia, destacando a participación de asinantes dos cinco grupos políticos máis importantes. Os membros do Parlamento Europeo que asinaron a declaración manifestan o seu apoio a “unha candidatura que reflicte a cooperación entre dous países da Unión Europea, destacando a súa orixe no ámbito educativo, como instrumento de futuro para evitar a desaparición dunha cultura común”.

No documento, presentado este mediodía en París, os eurodeputados expoñen que esta candidatura “valoriza a cultura tradicional común da eurorrexión, territorio de orixe dunha cultura que, na actualidade, presenta manifestacións en moitos países do mundo”. Ao tempo destacan na súa declaración de apoio “o carácter multinacional da candidatura que valoriza a cooperación transfronteiriza ao través dun patrimonio común que satisface, tamén, os requisitos de excelencia e de diversidade, requiridos pola UNESCO”.

Entre os asinantes das declaración están o Vicepresidente do Parlamento Europeo, Manuel António dos Santos (Portugal), a Copresidenta do Grupo dos Verdes-Alianza Libre Europea Monica Frassoni (Italia), os membros da Comisión de Educación e Cultura da Eurocámara: o poeta Vasco Graça Moura (PP), Miguel Portas (Bloco de Esquerda-Portugal), Maria Badia (PSC), os eurodeputados galegos Rosa Miguélez (PSdG), Antolín Sánchez Presedo (PSdG) e Daniel Varela (PP), os deputados de Galeusca Jose Ortuondo (PNV) e Ignasi Guardáns (CiU), os eurodeputados do Grupo Verdes ALE Raul Romeva (ICV) e David Hammerstein (Verdes), Willy Meyer (IU) e a maior parte dos membros da delegación portuguesa no Parlamento Europeo.

A sinatura desta declaración foi un compromiso adoptado a mediados de outubro polo eurodeputados nas distintas entrevistas que mantiveron cunha representación da Comisión Promotora da Candidatura que se trasladou até Bruxelas, para pedir o apoio das institucións da UE ao Patrimonio Inmaterial Galego Portugués que opta a ser recoñecido pola UNESCO coma Obra Mestra da Humanidade o próximo 25 de novembro. A delegación que se trasladou a Bruxelas entre o 10 e o 13 de outubro, estivo formada por Luis Bará, Director Xeral de Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galiza, Santiago Veloso, Promotor da Candidatura en Galiza e no Estado español, Lourdes Carita, Promotora da Candidatura en Portugal.

Declaración dos Eurodeputados

Lista de Eurodeputados