No coloquio celebrado esta mañá en Chaves, ao asistiron máis de 300 persoas, o profesor Alexandre Parafita expuxo o interese da universidade de Tras Os Montes
O Gobernador Civil de Vila Real, o Dr. António Martinho, comprometeuse esta mañá, no transcurso do coloquio “As tradicións orais Galego-Portuguesas” celebrado no Auditorio Municipal de Chaves, a transmitir ao Goberno de Portugal o interese da súa demarcación na Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués.
O coloquio, foi seguido con grande interese e expectación por máis de 300 persoas que ateigaron o auditorio de Chaves. Asistiron ao mesmo o Presidente da Cámara Municipal de Chaves, Dr. Joao Baptista, a Delegada Rexional de Cultura do Norte, Dra. Helena Gil, o Gobernador Civil de Vila Real, Dr. António Martinho, a Delegada da Consellería de Cultura da Xunta en Pontevedra, Marta Souto, e o Presidente de Ponte…nas Ondas!, Santiago Veloso.
No transcurso do coloquio o Dr. Alexandre Parafita, escritor e investigador de literatura oral da Universidade de Tras Os Montes, avalou e constatou a oportunidade que ten a Candidatura de ser proclamada pola UNESCO o próximo día 25 de novembro. Ao tempo falou do rico, vivo e ameazado patrimonio que ten Tras os Montes. E puxo de manifestou tamén o interese da Universidade nesta Candidatura á UNESCO.
O acto rematou con manifestacións concretas deste Patrimonio Inmaterial a cargo de tres narradoras da aldea de Dadim, en Chaves, que interpretaron unha “Cançao da Segada” e a “Oraçao das Doce Palavras ditas e retorneadas”, tamén coñecida na rexión coma o conto das “Doze botinhas de Moisés”.
Este acto estivo promovido polo Pólo de Chaves da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro,UTAD, en colaboración coa Cámara Municipal de Chaves e a Asociación “Ponte…nas Ondas!”.