Para Ana Miranda, que nos abriu todas as portas en Bruxelas
A campaña de presentación da candidatura das tradicións orais para a declaración como Obra Mestra do Patrimonio Inmaterial da Humanidade pola UNESCO lévanos a unha xeira de actos nas principais capitais do mundo máis próximo: Bruxelas, Madrid, Santiago, Vigo, Porto, Lisboa e París. Quixemos comezar a andaina coa presenza no corazón político de Europa, en Bruxelas, onde a pasada semana tivemos a oportunidade de presentar a candidatura no Parlamento Europeo e nun acto público na Livraría Orpheu, un verdadeiro centro cultural galego e portugués na capital de Bélxica que dirixe Joaquim Pinto da Silva.
En cada un dos foros nos que estivemos presentes quixemos trasladar o orgullo e a dignidade da nosa cultura tradicional, a súa riqueza de formas e manifestacións nas dúas beiras do Miño, a continuidade que presenta ao longo do espazo e do tempo, o valor que ten como expresión de excelencia cultural e como achega singular a unha Europa que reclamamos plural e diversa. A receptividade nos encontros con representantes dos grupos políticos do Parlamento e cos embaixadores de Portugal e Brasil fai que medren os apoios e se vaia tecendo unha extensa rede de simpatía e solidariedade con unha candidatura que naceu na base da sociedade mercé ao labor intelixente, constante e xeneroso das persoas que conforman a asociación Ponte nas ondas e a rede galega de escolas asociadas á UNESCO.
Mais a visita a Bruxelas aínda depara agradábeis sorpresas como a descuberta dunha rede cultural –a Muziek Publique (Música en flamenco e Público en francés)- dinamizada e impulsada por un grupo de mulleres descendentes de emigrantes. Verónica Codesal, Marisol Palomo e as demais compañeiras do grupo Ialma animan un proxecto de difusión das músicas tradicionais e de raíz que ten máis de 9.000 socios, que edita un boletín con unha tiraxe de 18.000 exemplares e que ademais de ser un espazo de encontro das culturas do mundo funciona como unha plataforma para dar a coñecer a música, os músicos, os instrumentos e os cantos que elas mesmas recollen nas súas viaxes de pescuda polas aldeas de Galiza. Ialma, a Contrabanda e Camaxe son algúns dos proxectos musicais galegos que naceron ao abeiro de Muziek Publique, unha experiencia de xestión cultural privada que nas vindeiras semanas abrirá un teatro nun barrio de Bruxelas, ampliando así o repertorio de actividades e sumando un novo espazo para a dinamización cultural da cidade. Ialma e Muziek Publique constitúen unha brillante demostración do talento, da capacidade e do espírito emprendedor da emigración galega e unha boa mostra das posibilidades que se abren para a promoción exterior da nosa cultura cando se conxugan a intelixencia, a sensibilidade, o compromiso e traballo ben feito.
A semana culmina coa viaxe a Madrid para a presentación da candidatura no Círculo de Belas Artes nun acto emotivo e sinxelo protagonizado pola señora Carme, integrante do grupo Malvela, e por Uxía Senlle, que actuaron acompañadas por Ana Senlle, Paulo Borges e Gustavo Domínguez, mentres que Paula Carballeira oficiou como presentadora e condutora do acto. Se Uxía representa a actualización e renovación dos cantos populares, nunha concepción dinámica e aberta das tradicións, a señora Carme ofrece un repertorio de cantigas delicadas e profundas. Os que alí estivemos levaremos para sempre os ecos da voz de Uxía interpretando a capella o alalá Teño unha casiña branca e quedaremos para sempre prendados da voz intemporal da señora Carme, unha voz que nos fala desde a profundidade da memoria, desde os abismos do tempo. Unha voz que vén de lonxe e que ha de permanecer con nós para sempre.