Festival Cultura que une

cultura-que-uneNos meses de maio e xuño botará a andar publicamente esta rede de colaboración entre as dúas beiras do Miño. Unha das primeiras iniciativas será un festival a celebrar todos os anos en dúas localidades galegas e portuguesas.

A primeira cita será o 2 de maio en Amarante, unha xornada na que se inaugurarán cinco exposicións de pintura, fotografía e escultura de artistas galegos e galegas e tamén a mostra Do Saudosismo ao Atlantismo. Así mesmo, haberá un recital de poesía clásica de autores galegos e portugueses (Carlos Da Aira, Delfín Caseiro, Fernando Soares, Ramiro Torres, Yolanda Castaño), dous concertos (Bruar e o grupo de Cámara Hotteterre) e unha mesa redonda na que Xesús Alonso Montero, Henrique Monteagudo, Arturo Lezcano Fernández e Pilar Garcia Negro falarán sobre «A intelectualidade da Galiza e do Norte de Portugal».

As actividades en Amarante pecharanse o 30 de maio, coa celebración do Festival Culturaqueune, que constará dun encontro de artistas participantes para tratar de futuras iniciativas conxuntas, un recital de poesía contemporánea (a cargo de Alfredo Ferreiro, Amadeu Baptista, Carlos Da Aira, João Madureira, Ramiro Torres, Virgínia do Carmo e Yolanda Castaño), unha sesión de contadores de historias (Isabel Risco, Vitor Fernandes e Xurxo Souto) e dous concertos máis (o Dúo Bossa Nova -Ton Risco e Jacobo de Miguel- e o dúo Jazz– Terra Morena).

En xuño será a quenda da Coruña, que acollerá igualmente un gran número de actividades culturais, desta volta protagonizadas sobre todo polos artistas e autores e autoras portuguesas. A partir do 10 de xuño (Día de Camões), inauguraranse en distintos espazos da cidade exposicións de fotografía, pintura e escultura, así coma de novo a mostra Do Saudosismo ao Atlantismo. Así mesmo, a sede da Real Academia Galega acollerá unha mesa redonda na que Norberto Cunha, Paulo Vieira de Castro, Paulo Samuel e Gaspar Martins Pereira analizarán «as relacións intelectuais entre Galicia e Norte Portugal». Concertos e recitais poéticos darán paso a unha derradeira xornada de actividades, o 13 de xuño, na que destaca o encontro de artistas participantes para tratar de futuras iniciativas conxuntas, o recital de poesía contemporánea, a sesión de contadores de historias e a proxección do filme mudo Carmiña Flor de Galicia, co acompañamento musical de Cántigas da Terra.

Máis información sobre Cultura que Une nesta nova de Praza
http://praza.gal/cultura/9101/nace-culturaqueune-para-achegar-galicia-e-portugal-dende-a-base/