Tal como informabamos nunha nota de prensa remitida o pasado 17 de abril, desde que no mes de setembro de 2008 a Unesco, en reunión celebrada en Tokio, decidiu abrir o proceso para a inscrición na Lista Representativa do Patrimonio Inmaterial, segundo o novo procedemento establecido pola Convención para a Salvagarda do Patrimonio Inmaterial, a Asociación Ponte…nas ondas! transmitiu aos respectivos gobernos de España e Portugal, así como á Xunta de Galicia, a nova oportunidade que se abría para inscribir a Candidatura das Tradicións Orais Galego-Portuguesas na futura Lista Indicativa que se proclamará en setembro de 2009.
Desde entón, Ponte…nas ondas! mantivo os traballos de reformulación do dossier da Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués ( conforme ás suxestións feitas no seu momento pola propia Unesco ) con un grupo de especialistas de universidades galegas e portuguesas. Esta reformulación foi xa remitida ao Ministério de Cultura de Portugal para sometela á súa aprobación para que a proposta sexa remitida a División de Patrimonio Inmaterial antes do 30 de agosto deste ano e poida optar ás inscricións na Lista Representativa do Patrimonio Inmaterial que a Unesco fará pública en setembro de 2009.
A entrevista mantida entre o Director Xeral da Unesco e o presidente da Xunta de Galicia en París confirma o que desde Ponte…nas ondas! se vén manifestando: existe unha nova oportunidade para a Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués. As palabras de Kochiro Maatsura confirman a avalización que a Unesco fixo da Candidatura en 2005 no sentido de recoñecer un patrimonio dunha grande riqueza e diversidade, aspecto destacado na candidatura galego-portuguesa.
De aí que no informe remitido a ambos estados se recomendase a súa nova presentación, definindo e concretando nunhas cantas mostras este patrimonio común. O interese mostrado polo Director da Unesco polo patrimonio inmaterial galego-portugués e a solicitude para que Galicia presente propostas abre as posibilidades de inscribir en 2009 o patrimonio común galego-portugués na primeira Lista Representativa do Patrimonio Inmaterial mundial. Desde Ponte…nas ondas! valoramos o compromiso do presidente da Xunta coa Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués ( explicitado no Parlamento Galego con anterioridade ) no sentido de aproveitar o traballo realizado pola nosa asociación, que xa está en mans do Ministério de Cultura de Portugal, para que Galicia e Portugal poidan ter a primeira inscrición no 2009. Para abordar o procedemento de presentación da proposta en París, Ponte…nas ondas! solicita unha entrevista urxente co Sr. Presidente para darlle conta do estado dos traballos e coordinar a presentación da Candidatura cos gobernos de España e Portugal. Igualemente agardamos unha entrevista co novo Ministro de Cultura de Portugal para abordar todas as xestións necesarias.que leven a bo porto esta empresa nos prazos marcados pola UNESCO.