O CONGRESO RECOÑECE O LABOR DE PONTE…NAS ONDAS !
APOIO Á NOVA PRESENTACIÓN DA CANDIDATURA DE PATRIMONIO INMATERIAL GALEGO-PORTUGUÉS Á UNESCO
O Congreso dos Deputados do Parlamento Español deu hoxe por unanimidade o apoio á presentación da Candidatura de Patrimonio Inmaterial Galego Portugués “As tradicións Orais”, no ano 2008 para que sexa inscrito este patrimonio na Lista Indicativa que a Unesco fará pública en setembro de 2009.
A proposta de resolución, aprobada por unanimidade, insta ao Goberno Español e a Xunta de Galicia, xunto co Goberno de Portugal a inscribir na futura Lista Indicativa do Patrimonio Inmaterial da Humanidade as Tradicións Orais Galego Portuguesas. Ademais, o texto da resolución fai unha referencia explícita ao amplo movemento social galego-portugués que apoia esta Candidatura e especialmente ao labor de Ponte…nas Ondas! como asociación impulsora e promotora. A proposta foi realizada por Francisco Rodríguez deputado do BNG.
Con esta resolución, o Congreso dos Deputados apoia así a reivindicación protagonizada polos xoves dos centros educativos o pasado 27 de novembro e as cadeas humanas realizadas por máis de 2000 mozos e mozas sobre as pontes internacionais do rio Miño.
Desde Ponte…nas Ondas! enténdese que esta resolución abre as portas á presentación da Candidatura en 2008 e asume a recomendación remitida pola propia Unesco aos Estados, español e portugués, onde se pedía que se voltase a presentar esta Candidatura.
Ponte…nas Ondas! fai de novo un chamamento a todas as asociacións, colectivos, entidades e institucións galegas e portuguesas, para que lle dean visíbilidade novamente ao apoio a esta Candidatura, mediante o compromiso de constituírse en entidades promotoras, empregando o logotipo da Candidatura e enviando o documento da adhesión a través desta Web: www.opatrimonio.org