Galicia e Portugal prepáranse para festa

A praza de Trocadero en París, e vella Ponte en Tui será escenario das celebracións de proclamarse a Candidatura.

Galegos e portugueses preparan a festa para celebrar este venres a proclamación da súa cultura común coma Obra Mestra da Humanidade. As expectativas son máis que favorables, pero a decisión definitiva da UNESCO non se coñecerá ata este venres ás 11 da mañá. Será entón cando seu director xeral, Koïchiro Matsuura, dea a coñecer publicamente o acordo adoptado polo xurado internacional que mañá xoves remata a súa deliberación. Trátase da primeira candidatura multinacional promovida por centros educativos dos dous países.

A festa, de ser proclamada a Candidatura galego-portuguesa, estará nas rúas e nas prazas dos dous países pero tamén en todos os recunchos onde haxa un galego ou un portugués.

En Francia o Club de Jovens Folcloristas Portugueses nas comunidades, CJF, e a Casa de Galicia en París van organizar unha manifestación pública na Praça do Trocadero o venres ás 21 da noite, que posteriormente, ás 22.30h trasladarase ao colexio García Lorca. Dende o CJF fixeron un chamamento a todos os grupos folclóricos portugueses en Francia para, no caso de obter o recoñecemento da UNESCO, concentrarse na praza do Trocadero.

Un festexo semellante está a ser organizado tamén polos CJF en Brasil, Venezuela, Arxentina e Alemaña.

En Galicia a vella Ponte Internacional, símbolo de unión entre os dous país, lucirá dende mañá unha pancarta da Candidatura do Patrimonio Inmaterial. Tui ademais coma cidade fronteiriza congregará parte dos actos de celebración, no caso de proclamarse a candidatura, as gaitas galegas e os cabaquiños portugueses tomarán as rúas do centro da cidade, para festexar “Un patrimonio para o futuro”.