O Consello Social da Lingua Galega do Concello de Vigo, reunido o pasado xoves 27 de outubro, acordou manifestar o seu apoio á Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués, e deste xeito unirse á lista de entidades sociais e institucións que xa manifestaron o seu compromiso.
O Consello Social da Lingua Galega indica no seu acordo que “a proclamación deste patrimonio común como Obra Mestra suporá un recoñecemento internacional para todas estas formas de expresión que se mantiveron na memoria colectiva de ambos os dous pobos e que constitúe un tesouro que cómpre manter de cara ao futuro”.
Explican dende o Consello que o patrimonio inmaterial intanxible, tal e como o define a UNESCO, é “o conxunto de formas da cultura tradicional, popular ou folclórica, é dicir, as obras colectivas que emanan dunha cultura e que se basean na tradición”, e nese senso sinalan que o patrimonio inmaterial que comparten os pobos galego e portugués abrangue un número considerable de manifestacións culturais (literatura, música, etnografía…) que “perviviron na área xeográfica de Galicia e do norte de Portugal dende hai máis de 2000 anos e que, por mor de recentes cambios sociais e económicos, está esmorecendo e, nalgúns casos, en serio perigo de desaparición”. E conclúen sinalando que por todo isto, “é un compromiso de todos a súa pervivencia no tempo”.
Integran o Consello Social da Lingua a Real Academia Galega, os grupos municipais de Vigo do PP, o PSOE, o BNG, e o PG, a Fundación Penzol, a Fundación Provigo, a Dirección Xeral de Política Lingüística, a Universidade de Vigo, o Xuíz decano de Vigo, Zona Franca de Vigo, Autoridade Portuaria de Vigo, Cámara de Comercio, Confederación de Empresarios de Pontevedra, Club Financeiro de Vigo, Instituto de Estudos Vigueses, Caixanova, Celta de Vigo, Bispado de Vigo, Comisións Obreiras, Confederación Intersindical Galega, Unión Xeral de Traballadores, Federación Veciñal Eduardo Chao, unha persoa a proposta das asociacións de inmigrantes de Vigo, unha persoa responsábel da secretaría, nomeada pola alcaldesa, e tres persoas de recoñecida competencia na normalización lingüística, nomeadas pola alcaldesa:
O Consello Social da Lingua Galega de Vigo foi creado a comezos deste ano. As súas funcións son avaliar os obxectivos e resultados da política lingüística do Concello elaborando anualmente un ditame, estudar e analizar, xunto coa concellaría, o fomento e a promoción do galego na sociedade, ditaminar sobre os proxectos de planificación lingüística municipais e proporlle ao Concello a elaboración de estudos.