O Parlamento aproba por unanimidade unha declaración de apoio á Candidatura do Patrimonio Inmaterial

Na mesma recóllese que o seu recoñecemento pode «constituír un importante punto de partida para conseguir unha maior atención a este rico patrimonio e un maior compromiso por parte da sociedade e das institucións para a súa conservación e promoción»

O Parlamente de Galicia aprobou, por unanimidade, unha declaración institucional de apoio á candidatura para a declaración do Patrimonio Inmaterial galego-portugués coma Obra Mestra da humanidade pola UNESCO, presentada pola Asociación «Ponte…nas ondas!».

Os deputados recollen na declaración institucional aprobada hoxe que esta Candidatura “pode constituír un importante punto de partida para conseguir unha maior atención a este rico patrimonio e un maior compromiso por parte da sociedade e das institucións para a súa conservación e promoción».

Expoñen tamén que a súa declaración coma Obra Mestra da Humanidade “redundaría nun meirande coñecemento mutuo entre os dous pobos e contribuiría a consolidar e impulsar as crecentes relacións institucionais, sociais e culturais entre Galicia e o Norte de Portugal.»

Por último indican que «tendo en conta a transcendencia que a declaración como Obra Mestra do Patrimonio da Humanidade tería para o coñecemento e promoción do patrimonio oral común galegoportugués, o Parlamento de Galicia declara por unanimidade o apoio á candidatura para a declaración do patrimonio oral galego-portugués como obra mestra do patrimonio oral da humanidade presentada pola Asociación «Ponte… nas ondas!».