Os Ranchos de Reis: unha manifestación de excelencia do patrimonio inmaterial

ranchos_de_Reis_1Dentro do Ciclo de Nadal, o patrimonio inmaterial galego-portugués conserva aínda manifestacións vivas tanto no Norte de Portugal (cantos de janeiras) como en toda Galiza.

Os denomindaos Ranchos de Reis constitúen unha das expresións máis singulares da tradición de Nadal no Sur de Galiza.

Trátase de danzas, con paus, castañolas ou arquillos, cunha grande influencia hispanoamericana, resultado da transculturación producida pola emigración galega e a influencia de danzas de orixe africana en Cuba e Brasil (lugares de emigración).

Aínda que se conservan vivas en Riofrío (Mondariz), Guláns (Ponteareas) e Santa María (Salceda de Caselas), o perigo de desaparición é real debido á falta de transmisión deste patrimonio ás novas xeracións. Por este motivo, estes Ranchos de Reis foron incluídos como unha das manifestacións de excelecencia no Ciclo de Nadal dentro da Candidatura de Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués á UNESCO.

A Consellería de Cultura, consciente do seu valor e importancia, dentro dun plan xeral de protección e promoción do patrimonio inmaterial, prestará unha atención especial a todas as manifestacións do Ciclo de Nadal, especialmente a dos Cantos e Danzas de Reis.

ranchos_de_reis_2Neste sentido o Director Xeral de Promoción e Difusión Cultural, D. Luis Bará, e a Delegada Provincial da Consellería de Cultura, Dna. Marta Souto, manteñen contactos coas comunidades de portadores destas tradicións. Unha mostra deste interese é a convocatoria da Consellería de Cultura e Deporte, a través da Dirección Xeral de Creación e Promoción Cultural e máis o Concello de Boimorto, o Primeiro Concurso de Recollida de Panxoliñas e Cantares de Reis, co fin de contribuír á estabilización do patrimonio folclórico galego relativo ao nadal.

A Delegada de Cultura de Pontevedra visitará o próximo 6 de xaneiro as localidades de Riofrío en Mondaríz e Santa María en Salceda de Caselas e o día 7 a parroquia de Guláns en Ponteareas para presenciar in situ as manifestacións destes Ranchos de Reis.