O ano pasado presentouse a Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués para ser recoñecida como Obra Mestra do Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, distinción que se decide a finais do vindeiro mes de novembro. É a primeira candidatura multinacional no seo da UE e xorde a partir do proxecto radiofónico Ponte nas Ondas, que leva xa dez anos desenvolvendo unha suxerente experiencia educativa anual entre as comunidades escolares de Galiza e do norte de Portugal.
O espazo galego-portugués veu compartindo formas e usos lingüísticos, coñecementos e saberes productivos (sega, malla, muiños, liño, rapa das bestas, chega de bois, pesqueiras da anguía, artes de pesca no mar…), prácticas da artesanía e dos oficios tradicionais (cesteiros, telleiros, afiadores, oleiros, canteiros…, e as súas falas gremiais), receitas de cociña, tradicións e rituais festivos (entroido, maios, San Xoán, romarías…), músicas e cantigas (regueifas, desafíos, pandeiradas, alalás…), contos e lendas (tesouros, covas de mouros, a raia…), formas simbólicas e ornamentais… Saberes e formas de comportamento social que na súa maioría perduran mercé á transmisión oral.
Gústame isto do patrimonio inmaterial e dos legados da comunicación oral. Nestes tempos tan “productivistas”, traballar sobre o inmaterial semella revolucionario. E fermoso, porque estamos falando de identidades colectivas, de procesos culturais de adaptación ao medio, de transmisión de coñecementos cun ritmo acaído coa natureza. Eu desfágome de envexa cando imaxino que houbo unha época no que o tempo era un ben que, no canto de valorarse en termos económicos, compartíase cos demais.
Adoita contraporse tradición e progreso. Outra estratexia do desenvolvemento compulsivo, irracional e sen topes (malia que a natureza nos lembre que si hai límites). Porque defender este rico patrimonio non implica poñer atrancos ao progreso. Ao contrario, pode ser un factor importante de xeración de recursos e de benestar. Non estamos falando de conservar en formol as cousas do pasado, senón de propiciar o desenvolvemento sustentable do espazo rural. E iso sábeno moi ben naqueles lugares onde recuperaron con xeito antigas tradicións e comportamentos sociais, como o caso do entroido de Vilariño de Conso, recollido na foto deste mes.
En Galiza existen centos de exemplos de recuperación e defensa do patrimonio inmaterial que case sempre xurdiron de iniciativas individuais e asociativas. A proposta da candidatura á distinción da UNESCO (www.opatrimonio.org) supón pensar todo iso en conxunto, como se tivo que ter feito desde hai tempo por parte das institucións galegas implicadas. Por iso é importante que se sigan sumando á candidatura entidades que a apoien, así como asociacións, experiencias e proxectos que veñan traballando neste eido do legado inmaterial, neste tesouro invisible. Porque, tamén no inmaterial, na unión está a forza.
Sorprende que teñan chegado ata hoxe coñecementos de hai centos de anos, porque a transmisión oral ten a eiva de que cada vez que morre unha persoa maior leva con ela a súa singular sabiduría. Todo o que axudemos neste eido contribuirá a que a perda sexa menor. Ata que cumpramos o desexo que verque Anxos Sumai no seu fermoso libro Melodía de días usados: “que as palabras fosen fíos para coser o tempo”.
Roberto Ribao – Tempos Novos