Un artigo de Marga Romero.
É a lectura a que me tira
da indignación.
Indignante é que a
igrexa saia á rúa contra
unha lei de educación, que
realmente, o que semella
non poder defender é unha
educación laica. Nosoutras,
as persoas que desexamos
un estado laico, somos as
grandes agredidas.
Indignante é como se
refiren a esta lei os
representantes do PP no
congreso e máis indignante
aínda é como se refiren á
vicepresidenta do congreso,
sempre. Indignante é que
tres anos despois do Prestige,
fique claro, que nunca
se lle van esixir contas ao
goberno responsábel desa
catástrofe ecolóxica
mundial, do seu mal goberno
e da mentira. Indignante
é comprobar como o novo
goberno herda do mal
goberno anterior, entre outras
cousas, débedas;
descubrir un país empantanado
con proxectos
faraónicos como a Cidade
da Cultura, comprobar que
o monte queimado é a imaxe
dun país calcinado desde
a sanidade á educación. E,
por se fose pouco, entre as
imaxes que me chegan está
a detención de dez mozos, o
seu traslado a Madrid é algo
que só vexo como
secuestro. Só é entón cando
a túa poesía Marica, estas
tres sextinas, que veñen no
último Grial, me conmoven
e me dan moitas respostas
sobre a creación, a
aprendizaxe e a erótica. É
certo: “buscar outro
mundo faite libre”. E el será
que iso é o que
pretendemos facer “buscar
no papel a unha outra que
non vive”? El será que o de
non botar man do espello
afástanos aínda máis da
madrasta de Branca de Neve?
Non sei, Marica, se
darlle as grazas a C. P.
Martínez Pereiro por alentarte
a escribir coa túa
mestría métrica as sextinas
que a literatura galega non
tiña. Ben, agradézollo,
mais, a ti máis por
devolverme a calma dunha
tarde outoniza de temperatura
baixa e permitirme reflectir
unha vez máis sobre
o papel da escrita e esa soidade
á que nos convoca.
Agardemos agora que o día
25 de novembro o patrimonio
inmaterial galego e portugués
sexa o que xa é
patrimonio da humanidade.
Volverei pensar en ti e nas
túas letras e en Mini e en
Mero e a súa música.♦