Por aquí tiñamos na hemeroteca este documento imprescindible protagonizado por catro mestres da retranca.
O equipo do programa de televisión Alalá estivo hai tempo por terras de Gondomar. E alí compartiu foliada con catro profesionais da regueifa.
Pinto de Herbón, Luis Caruncho, Benito Lobariñas e Augusto Canario, catro amigos do patrimonio inmaterial explican para as cámaras os segredos desta loita dialéctica de longa tradición.
De paso, o programa achéganos ás súas vivencias particulares para intentar coñecelos “de cerca”: veremos a Pinto “en familia” e no seu oficio de pementeiro; iremos ata Viana do Castelo para ver onde vive e onde se inspira Augusto Canario, un dos artistas máis populares do norte de Portugal; asistiremos a clase de música con Luis Caruncho, quen despois nos descubrirá, xunto co seu amigo Benito Lobariñas, cal é a mellor receita para un licor-café exquisito, unha receita que nos ensinarán en forma de regueifa.
O programa emitiuse en marzo de 2006. Na rede podedes ver todos os programas emitidos do Alalá