Recriando o patrimonio: ‘Canta o Cuco’

No ciclo anual, o canto do cuco asóciase a diversos agoiros relacionados coas colleitas ou cos designios das persoas.

Cando o cuco canta polo mes de abril, anuncia co seu canto o remate do inverno e a chegada da primavera. É o tempo no que a natureza volve a rexurdir con toda a súa forza. No ciclo anual, o canto do cuco asóciase a diversos agoiros relacionados coas colleitas ou cos designios das persoas. O patrimonio inmaterial recolle abondosos refráns e ditos relacionados con esta ave.

Ponte…nas Ondas! achega aos centros educativos o Canto do Cuco da man do poeta Manuel María, o autor a quen se lle adica a homenaxe das Letras Galegas. Da man do proxecto CampUSCulturae, que aborda a diversidade e a transmisión do patrimonio ás novas xeracións, incluíronse representacións en Gondomar, Salvaterra e Nigrán.

Canta o Cuco é unha proposta musico-teatral que conta con Uxía e Magín Blanco como condutores e que integra os títeres de Inacio Vilariño, director da compañía de teatro Fantoches Baj. Un espectáculo multidisciplinar onde se mesturan diferentes técnicas escénicas, manipulación de obxectos, títeres, música e traballo actoral.

Ata o de agora realizáronse actuacións o 27 de abril no colexio Infante Felipe de Salvaterra de Miño e o día 28 de abril o concerto-teatral estivo destinado ao alumnado dos CEIP Souto Donas e do IES Terra de Turonio de Gondomar e tivo lugar no Auditorio Lois Tobío de Gondomar. No mes de xuño realizarase no Auditorio de Nigrán para o alumnado do CEIP Humberto Juanes.