O actor Carlos Blanco conduce a gala multimedia presentación de Meniños Cantores o luns en Vigo

Xosé Manuel Budiño e Lelía estarán entre os convidados na Gala

Nunha gala multimedia que o próximo luns, ás 21 h, se vai celebrar no Teatro Cine Fraga Caixa Galicia en Vigo vai ser presentado ao público en xeral o libro-disco-dvd “Meniños Cantores” , un proxecto que naceu ao abeiro da Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego Portugués.

O actor galego Carlos Blanco será o responsable de conducir esta gala na que amais de presentar o traballo de Meniños Cantores plasmarase tamén parte do Patrimonio Inmaterial que opta a ser recoñecido pola UNESCO o próximo 25 de novembro coma Obra Mestra da Humanidade.

Xosé Manuel Budiño, as Lelía, Uxía Senlle e a señora Carmen porán en escena parte dese patrimonio musical común que compartimos galegos e portugueses. Serán representacións vivas dun patrimonio transmitido de xeración e xeración e dun patrimonio que ao tempo se adapta aos novos tempos, e coma no caso de Xosé Manuel Budiño, conta con recoñecemento internacional. Tamén sobre o escenario estarán Luis Caruncho e Augusto Canario para dar mostra das regueifas e cantos ao desafío, outras das manifestacións que integran a Candidatura presentada ante a UNESCO.

Pero os nenos serán tamén grandes protagonistas. Eles son a base de “Meniños Cantores” un proxecto no que dezasete escolas galegas e portuguesas recrearon a nosa tradición musical e que se recolle agora nun Libro con 98 páxinas a cor, con letras, textos, debuxos e fotografías, un CD con 28 temas musicais e pistas interactivas, e un DVD que inclúe dous documentais: un documental de 60 minutos que recolle o proceso de realización de “Meniños Cantores”, outro documental titulado “Un patrimonio para o futuro” cunha duración de 60 minutos; 17 videoclips, e cancións coa opción de versión karaoke.

Durante a gala do luns proxectarase o video-clip do tema central “Máis perto” gravado na vella Ponte Internacional de Tui e actuarán nenos de Caminha e Salvaterra.

Esta gala multimedia, que será gravada pola TVG para a súa retransmisión en diferido, non estará exenta de sorpresas que poden converter ao propio público en protagonista.
Meniños Cantores xurdiu da colaboración entre a Asociación Ponte…nas Ondas! e o estudo Casa de Tolos. O traballo final foi editado por Pai Música. A gala do luns conta co respaldo da Consellería Cultura que apoio esta iniciativa ao igual que o resto de actividades que se desenvolven de promoción e difusión da Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego Portugués.