Un artigo de Xosé Carlos Caneiro.
O próximo venres imos coñecer, en París, se o Patrimonio Inmaterial galego portugués é considerado obra mestra da humanidade. Non é un asunto sen relevancia. Ao revés: probablemente estamos dirimindo o asunto cultural máis importante que ten vivido Galicia nos últimos anos. Imaxinen vostedes que o noso patrimonio resulta vencedor. Non falaremos unha lingua en desuso, senón unha obra mestra da humanidade. E obras mestras serán as nosas tradicións, festas populares, entroido, magosto, as regueifas e danzas, as cantigas e folclore. Hai un protocolo asinado no que o goberno se compromete a unha serie de actuacións ao respecto se o noso patrimonio resulta elixido. É unha gran oportunidade. Galicia está a xogarse a súa salvación como cultura: por orgullo de marca no mundo, por recoñecemento a anos de historia, por homenaxe a todos os que souberon gardar todo o que nos define. A maioría dos concellos do país asinaron protocolos de apoio á nosa candidatura. Só en Verín, os do Pepé, rexeitaron a moción presentada ao efecto. Paréceme un acto de irresponsabilidade. E non hai escusas: tempo, forma, presentación. Reitero, non hai escusas. Agardo que o Partido Popular, que apoia esta iniciativa en todo o país, rectifique nos próximos días (antes do vintecinco, en todo caso). Eu procurarei brindar o vintecinco, e celebralo, grandemente. A inmateria é a nosa alma, a nosa definición, o noso sentir e as emocións que nos viven e percorren, con ansia. Só me resta o encomio a aqueles que protagonizaron esta candidatura, a Santiago Veloso e todos os que o rodearon. Esta é a xente anónima que fai país. A xente sen subvencións, sen estatuas, sen recoñecementos públicos. Sirva esta columna para ensalzar o seu traballo. Sirva para abrazar a súa carne e o seu corazón enorme, libertario, sensible, tan xeneroso. Qué gran exemplo nestes tempos. Gracias, camaradas.