Uruguai e Galiza: algo máis que fútbol

O xoves 29 vaise producir un feito disque histórico: Unha selección de fútbol de Uruguai vaise enfrontar en San Lázaro á selección galega. Neste ano 2005, a cultura galego-portuguesa optou a ser proclamada como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. Esta cultura galego-portuguesa encóntrase espallada polo mundo.

A disputa deste encontro de fútbol vai amosar –en certo modo- a nova liña que se vai levar a cabo dentro da política deportiva da actual Dirección Xeral para o Deporte.

Desde Brinquedia – Rede Galega do Xogo Tradicional traballamos na posta en valor do noso Património Lúdico, como parte do Patrimonio Inmaterial, porque entendemos que a promoción do xogo tradicional galego leva implícita a promoción da cultura galega e –polo tanto- a reconciliación coa nosa cultura.

Neste senso, somos coñecedores de que no Uruguai existe o Centro Deportivo e Sociedad de Bolos Valmiñor, formado –nomeadamente- por emigrantes da comarca pontevedresa, que mantén vivo na outra beira do Atlántico un dos xogos/deportes tradicionais galegos con máis aceptación dentro do noso país: os Bolos Celtas, que podemos atopar en Galiza con distintos nomes e variantes (Bolo de Xove, Vianés, de Cedofeita, de Santalla, Birlos ao Canteiro, na Órrea…).

Ante estas circunstancias e sabendo que o partido de fútbol inaugural da selección galega vai ser contra a selección do Uruguai, Brinquedia propuxolle á Dirección Xeral para o Deporte que se celebrase –arredor do mesmo acto- unha partida de Bolos Celtas entre xogadores/as do Val Miñor “de aquí” e o “Val Miñor de alá”, complementando o acto con contidos culturais e de lezer, ao tempo que se promovería o noso Patrimonio Cultural e se realizaría un acto de irmanamento entre os galegos das dúas beiras do Atlántico.

Desde Brinquedia lamentamos que o fútbol acapare medios e recursos e que a noso deporte tradicional- en risco de desaparición- non conte coas mesmas oportunidades en actos que contribúen á irmandade entre os pobos, como é o partido de fútbol que o xoves se vai celebrar en San Lázaro.

Asdo.: Lois Pardo

www.xogospopulares.com
correio-e: brinquedia@mail.com