O Auditorio Municipal de Chaves acolle mañá martes un coloquio sobre as tradicións orais galego-portuguesas

Santiago Veloso, presidente de Ponte nas Ondas, exporá as razóns e expectativas da Candidatura presentada á UNESCO

“As tradicións orais Galego-Portuguesas” é o título dun coloquio que mañá martes, 25 de outubro, se vai celebrar no Auditorio Municipal de Chaves, en Portugal, ao abeiro da Candidatura do Patrimonio Inmaterial. O acto está promovido polo Pólo de Chaves da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro,UTAD, en colaboración coa Cámara Municipal de Chaves e a Asociación “Ponte…nas Ondas!”.

Na recta final da Candidatura o obxectivo deste coloquio é “avivar as xustas razóns” que levan a Galicia e ao Norte de Portugal, co patrocinio dos respectivos gobernos, a propor un recoñecemento mundial para o seu patrimonio inmaterial común.

A apertura do coloquio, ás 10.30 da mañá hora española, correrá a cargo do Presidente da Cámara Municipal de Chaves, Dr. Joao Baptista, da Delegada Rexional de Cultura do Norte, Dra. Helena Gil, da delegada de Cultura de Pontevedra da Xunta de Galicia dona Marta Souto, e o Gobernador Civil de Vila Real, Dr. António Martinho.

A continuación o Dr. Alves Ramos, do Servizo de Cultura de Chaves disertará sobre “O Patrimonio Inmaterial e Chaves e Alto Támega”. A seguir o Dr. Alexandre Parafita, escritor e investigador de literatura oral/UTAD, falará das “Manifestacións e expresións do Patrimonio Inmaterial Trasmontano”. Tamén se contará neste acto coa presenza de Santiago Veloso, presidente da Asociación “Ponte…nas Ondas!” e coordinador da Candidatura á UNESCO para explicar “A Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués, razóns e expectativas”.

Actuará como moderador o profesor Doutor Américo Peres do Polo de Chaves das UTAD.

Este acto contará amais con manifestación concretas deste Patrimonio Inmaterial da man de tres portadores do Patrimonio. Tres narradoras da aldea de Dadim, en Chaves, presentarán en directo unha “Cançao da Segada” e a “Oraçao das Doce Palavras ditas e retorneadas”, tamén coñecida na rexión coma o conto das “Doze botinhas de Moisés”.