PNO falla os Premios Boas Ondas repartidos entre centros educativos de Galiza, Portugal e Brasil

boas_ondasO xurado dos premios BOAS ONDAS, integrado por xornalistas, profesores e espacialistas nas tecnoloxías da comunicación, emitiu o fallo dos premios Boas ondas que a Asociación decidiu crear polo seu XX aniversario.

O xurado agradece os 80 traballos presentados en diferentes formatos procedentes de 57 centros educativos de Galiza, Portugal, Cuba, Colombia, Arxentina e Chile e valora a boa calidade dos traballos presentados a concurso, agradecendo o esforzo de alumnos, alumnas, profesores e profesoras .

Despois da deliberacións oportunas, acordan outorgar os seguintes premios nas distintas categorías establecidas polas Bases dos Premios Boas ondas, tendo en conta, entre outros, os motivos que se expoñen en cada caso:

* PREMIO BOAS ONDAS AO MELLOR PROGRAMA RADIOFÓNICO EN DIRECTO

CEP Carlos Casares de Alxén.Salvaterra-Galiza

Valórase a calidade do guión, atrevido e fresco e desenvolto con grande soltura polos once alumnos e alumnas que participaron na locución. O título do programa “O cine soños son” e a súa realización reflite un intenso traballo de busca e recuperación do noso patrimonio o que se plasma na calidade do exposto no programa onde tamén sobresae a súa realización técnica.

PREMIO BOAS ONDAS AO MELLOR PROGRAMA RADIOFÓNICO GRAVADO

Agrupamento de Escolas de Arouca-Portugal

Valórase na realización do programa “Horaesa” a moi boa montaxe sonora, a limpeza e calidade do son así como a calidade e interese dos contidos que refliten un axeitado e laborioso proceso de produción do programa. O Xurado felicita aos compoñentes do Agrupamento de Escolas de Arouca que fan posible co seu traballo a emisión semanal de programas con contidos educativos e realizados por rapaces e rapazas dende a Emisora Rexional de Arouca.

PREMIO BOAS ONDAS AO MELLOR PROGRAMA COLABORATIVO

CEIP de Cedeira. Redondela-Galiza

Aínda que o espírito desta categoría era premiar escolas que fixeran programas conxunta e colaborativamente, nas bases da convocatoria estaba aberta a posibilidade de premiar a colaboración entre as escolas e institutos e as radios profesionais. O programa titulado “Polo mundo adiante” é un exemplo desta colaboración que conseguiu uns resultados salientables. O enfoque do tema, que presenta unha morea de Historias de Vida relacionadas coa emigración, incide nunha proposta da A.C.P Ponte…nas ondas! que ten feito deste tema, xunto cos Tesouros Vivos, un referente do seu traballo.

PREMIO BOAS ONDAS “AUDIOVISUAIS” AO MELLOR PROGRAMA REALIZADO EN VÍDEO

CEIP Santa Mariña-Redondela-Galiza

Valórase a orixinalidade do guión, onde se presenta como se desenvolve dentro dunha escola a preparación dunha curtametraxe, empezando pola busca da información, a preparación das entrevistas, a relación coa Radio Escolar etc, relatando visualmente de xeito impecable todas e cada unha das facetas do traballo así como a culminación deste nas entrevistas aos dous persoeiros que aparecen. Impecable tamén o traballo dos oito rapaces e rapazas protagonistas do vídeo que se desenvolven con soltura e gracia en cada un dos planos que compoñen o filme.

PREMIO BOAS ONDAS “PATRIMONIAIS “ AO MELLOR PROGRAMA SOBRE O PATRIMONIO

IES Val Miñor.Nigrán-Galiza

Valórase o sentimento que transmiten as fotografías que conseguen transportarnos a un tempo pasado apoiadas pola lectura do poema Lembranzas que fai de eixo de continuidade entre cada unha das pezas que compoñen a obra. Presenta secuenciada e someramente as experiencias dalgúns “portadores” que posúen coñecementos a piques de desaparecer o que os converte en auténticos Tesouros Vivos.

PREMIO BOAS ONDAS DE FÓRA DA EURORREXIÓN GALIZA-NORTE DE PORTUGAL

Projeto Boa Vista conta história. Boavista.Paraiba-Brasil

Valórase no “Projeto Boavista Conta Historia” o cadencioso debullar de imaxes nas que, de vagar, vanse mostrando visualmente as actividades tradicionais pasando, a continuación, a darlle o protagonismo ás persoas que participan nas actividades da comunidade. Destaca a sucesión de primeiros planos que resaltan axeitadamente quer os rostros das persoas quer as súas obras e que rematan coa voz da última das mulleres que fala e confesa que “ o artesanato é a miña vida”