A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! convoca a I Xornada Escolar de Xogos Tradicionais Galego-Portugueses.
Seguindo a dinámica de dar a coñecer o noso Patrimonio Tradicional Común a galegos e portugueses e duscubrirllo aos nosos alumnos e alumnas no marco escolar, a Asociación Ponte… nas ondas! organiza unha reunión lúdica e non competitiva no marco dun día de convivencia entre rapaces e rapazas de escolas galegas e portuguesas, na serie de actividades que se están a desenvolver para dinamizar e relanzar o patrimonio inmaterial galego-português de cara a NOVA OPORTUNIDADE para candidatar “As tradicións orais galego portuguesas” a Patrimonio da Humanidade.
O xoves día 29 de novembro nenos e nenas de varias escolas galegas e portuguesas reúnense no Colexio Público Infante Felipe de Salvaterra de Miño para realizar unha xornada de lecer e transmisión de xogos tradicionais. Moitos destes xogos están a quedar en desuso e é necesario rememorar e transmitir ás novas xeración como se xogaba e tamén todo o seu saber asociado. Durante a mañá da quinta-feira 29 alumnado das dúas beiras comparten xogos e vivencias comúns para coñecer os xogos aos que xogaban os seus pais e avós e que por mor das circunstancias da vida moderna están caendo en desuso. Así, practícanse xogos de birlos, chave, rá, truco, bolas, chapas, chave, zancos, aros e peóns. As actividades rematan cunha masiva tirada simultanea de peóns.