Terceira edición do Día do Peón

A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas!, en colaboración con Brinquedia, convoca aos centros de ensino a participar na 3ª edición do Día do Peón.

Tamén coñecido como trompo, buxaina, pión, trompa, sevillana… este xogo tradicional está a ser recuperado para o lecer das novas xeracións.

O grande suceso acadado nas pasadas edicións, chegando aos máis de 4 milleiros de participantes o ano pasado, impulsados nomeadamente por distintos centros de ensino de todo o país, fainos reflexionar sobre as potencialidades deste pequeno brinquedo, que cun rico contido oral apegado á nosa cultura proxéctanos dentro do ludismo universal.

Dada a coincidencia na data coa MOSTRA DO PATRIMONIO INMATERIAL GALEGO-PORTUGUÊS que se vai celebrar en Pontevedra do 7 ao 11 de novembro, queremos convocar aos centros que desexen a participar nunha grande festa de lanzamento de peóns que terá lugar o venres día 9 entre as 10 e as 14 horas na Praza da Ferrería de Pontevedra. Haberá agasallos de peóns e tamén a oportunidade de visitar a Mostra e o diversos obradoiros.

Como queira que se vai centralizar a atención dos medios de comunicación neste acto, pedímosvos que o alumnado asistente leve os seu propios peóns, de todas as fasquías e formas, mesmo “pezas singulares”.

Co fin de ter unha previsión de asistentes, pregámosvos que confirmedes a asistencia e o número de participantes nos seguintes teléfonos: Xerardo 635 499900- Lois 661418074