Comeza a recollida de apoios individuais e colectivos en prol da candidatura á Unesco do patrimonio inmaterial galego-portugués
[ul class=”list list-arrow_blue”]
[li]Comeza a recollida de apoios individuais e colectivos en prol da inscrición do patrimonio inmaterial galego-portugués na Lista Representativa da UNESCO[/li]
[li]A asociación amosará aos visitantes do Culturgal o “Premio Ondas” recentemente recollido en Barcelona. Photocall co ONDAS[/li]
[li]Estrea do portal www.opatrimonio.org como punto de encontro para a divulgación do patrimonio inmaterial galego-portuguésl[/li]
[li]O photocall do patrimonio comezará a súa andaina durante o Culturgal[/li]
[li]Nova Escola Galega presenta o número especial Revista Galega de Educación “PONTE…NAS ONDAS! DA LUSOFONÍA” coa colaboración de Ponte…nas ondas![/li]
[/ul]
A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas ondas! continúa este outono coa súa intensa actividade coincidindo coa celebración, a vindeira fin de semana, de Culturgal, a Feira das Industrias Culturais. Aproveitando o evento, que unha vez máis acollerá o Pazo da Cultura de Pontevedra, Ponte…nas ondas! iniciará a recollida de apoios individuais e colectivos para lograr a inscrición do patrimonio inmaterial galego-portugués na Lista Representativa da UNESCO.
A acción chega cando vén de cumprirse o décimo aniversario da presentación da candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués na Unesco, a primeira Candidatura Multinacional promovida por centros educativos de dous países da Unión Europea. Ponte…nas ondas!, co apoio de institucións galegas e portuguesas lanza así unha nova campaña pola inscrición do patrimonio inmaterial galego-portugués na Lista Representativa da Unesco.
Neste desafío, Ponte…nas ondas! fai un chamamento a asociacións e institucións, que de xeito masivo xa apoiaron hai dez anos a candidatura, para seguir remando xuntos e poder conseguir este fin.
Estrea do portal do patrimonio inmaterial galego-portugués
O apoio á campaña pode asinarse individualmente a través da web www.opatrimonio.org onde tamén poden descargarse os formularios de apoio para concellos, escolas e entidades.
O sitio web www.opatrimonio.org será o punto de encontro na rede para a divulgación da campaña ” 1 patrimonio para o futuro” entre a cidadanía, asociacións e institucións. Será un espazo na rede en catro idiomas (galego, español, portugués e inglés). Nesta plataforma, ademais de explicar os detalles da campaña pola inscrición do patrimonio inmaterial galego-portugués na Lista Representativa da Unesco, haberá información tamén sobre a eurorrexión e tamén se achegarán traballos e materiais sobre o patrimonio e moito material elaborado tamén por alumnado de diversas escolas nos certames de recolla que se teñen feito. Tamén se poderá acceder a imaxes e gravacións en audio e vídeo. Do mesmo xeito a web irá recollendo as diferentes adhesións, tanto individuais como colectivas, que a iniciativa vaia sumando.
Ademais, a campaña “Un patrimonio para o futuro” terá ampla presenza nas redes sociais, a través de Facebook, Twitter ou Google Plus. Nas redes, alén de informar da actualidade da campaña, entre outros, recordaremos o vizoso traballo realizado ao longo destes anos e as moitas actividades e materiais de interese para a cidadanía en xeral e tamén para a comunidade educativa en particular. Ademais, a campaña ten vontade de involucrar á sociedade na tarefa de compartir, difundir e poñer en valor o patrimonio inmaterial galego-portugués. Nas redes achegaremos coñecementos diversos: falaremos de tradicións, curiosidades, de cantigas e contos, haberá desafíos e adiviñas e outras iniciativas en prol da divulgación do patrimonio inmaterial compartido.
O ‘fotocol’ do patrimonio, o Premio Ondas e a Revista Galega de Educación
Durante o Culturgal, os visitantes poderán achegarse deica o espazo de Ponte…nas ondas! e deixar inmortalizado o seu apoio á campaña ‘1 patrimonio polo futuro’ á beira dalgún dos carteis que para a xornada multimedia realizou durante as últimas edicións o ilustrador Andrés Meixide. Os retratos polo patrimonio tamén poderán facerse á beira dos versos da peza “Ondas alén mar”, asinada por Pancho Álvarez e María Solleiro, que forma parte do libro-disco ‘Na Ponte’ (que estará dispoñible na propia tenda do Culturgal).
Ademais, a asociación amosaralle á cidadanía a escultura conmemorativa do Premio Ondas 2014, recollida recentemente en Barcelona, na gala de entrega destes prestixiosos galardóns. “Durante 20 anos, un grupo de escolares demostrou como desde a radio se poden tender pontes e construír un ecosistema común baseado no cultural, o patrimonio e as preocupacións comúns das rexións máis próximas de Galicia e Portugal”, afirmou o xurado dos Premios Ondas, parabenizando así a longa traxectoria do colectivo e outorgándolle o Premio á Mellor Cobertura Informativa.
Por último, a Revista Galega de Educación, editada polo movemento de renovación pedagóxica Nova Escola Galega, organizou un evento especial durante o Culturgal. Participan Antón Costa Rico, de Nova Escola Galega, Suso Rodríguez, profesor da Facultade de Ciencias de Educación da USC, e Santi Veloso e Xerardo Feijoo, da Asociación Ponte…nas ondas. Moderará a xornalista Rocío Pereira. O evento será o domingo 7 ás 18h30 e servirá para a presentación do número especial “ PONTE…NAS ONDAS! DA LUSOFONÍA “ da Revista Galega de Educación coa colaboración de Ponte…nas ondas!