“A pedra seca galega”, Patrimonio cultural inmaterial da humanidade da Unesco

Incluída na lista representativa do patrimonio inmaterial da Unesco como parte dunha candidatura conxunta de oito países europeos liderada por Grecia e Chipre e na que participa, entre outros, o Estado español.

A Unesco, por medio do seu Comité intergobernamental de salvagarda do patrimonio cultural inmaterial, que celebrou a súa décimo terceira xuntanza anual a pasada semana en Port-Louis (República de Mauricio), outorgoulle a súa beizón á candidatura internacional da pedra seca (ou pedra en seco), que pasa desde agora a integrar a lista representativa do patrimonio inmaterial da Unesco.

A candidatura reunía a Grecia, Chipre, Suíza, Croacia, Eslovenia, Francia, Italia e España. Á súa vez, dentro do Estado español colaboraron Galicia, Andalucía, Aragón, Asturias, Baleares, Estremadura, Cataluña e a Comunidade Valenciana. O recoñecemento da inclusión na lista desta tradición construtiva representará o compromiso dos países na execución de medidas de salvagarda específica para que as comunidades locais, que son as súas portadoras, poidan ter as condicións para o seu mantemento e difusión.

Na reunión da Unesco en Mauricio estivo presente a directora xeral do Patrimonio Cultural, Mª Carmen Martínez Ínsua, en representación da Xunta, que participou nesta candidatura internacional. Ao fío, como chanzo previo á inscrición, esta tradición foi incluída no Censo do Patrimonio Cultural de Galicia como manifestación do patrimonio cultural inmaterial.

Que é a pedra seca?

A pedra seca é unha técnica de construción tradicional na nosa terra que prescinde de calquera argamasa ou morteiro. Conforma un dos exemplos de coñecementos e usos máis relevantes das formas de vida tradicional que axuda a construír a paisaxe antrópica do país. Esta técnica fíxase e transmítese a través do milenario oficio dos canteiros e afecta á relación das comunidades co medio, creando e definindo o noso entorno.

Muros, peches e construcións adxectivas para diferentes usos agrarios e gandeiros como alvarizas, neveiras, pombais, hórreos, pendellos, foxos do lobo ou muíños contribúen a definir e representar a estrutura da propiedade ou explotación do territorio.

Os exemplos da pedra seca son abondosos en todo o territorio galego, mais esta técnica resulta especialmente relevante nas bisbarras de Pontevedra, Terra de Montes, Deza, Bergantiños, Terra de Soneira, Xallas, Fisterra, a Terra Chá e a Ribeira Sacra.