Quedan tres días coñecer que a tradición oral das dúas beiras do Miño é recoñecida coma Obra Mestra da Humanidade
Este venres, día 25 de novembro, o Patrimonio Inmaterial galego-portugués pode facer historia. Un xurado internacional está a valorar e a seleccionar as candidaturas que serán proclamadas como Obras Mestras do Patrimonio Oral e Inmaterial da Humanidade.
A Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués é a primeira no mundo en ser promovida por centros educativos de dous países, na que participan a rede de Escolas Asociadas á UNESCO. Por primeira vez a cultura tradicional galego-portuguesa pode obter un recoñecemento internacional a través dunha iniciativa protagonizada polas novas xeracións, o futuro deste patrimonio.
A cultura galego-portuguesa abrangue un patrimonio compartido entre dous Estados, Portugal e España; este patrimonio con orixe no territorio da Gallaecia romana encóntrase hoxe espallado por todo o mundo ao través da diáspora galega e portuguesa. Existen hoxe manifestacións vivas deste patrimonio en países como Brasil, Cabo Verde, Arxentina ou Cuba.
A Candidatura galego-portuguesa é froito dun proceso iniciado a partir do ámbito educativo e que foi quen de lograr apoios como o do Parlamento de Galicia, o Congreso dos Deputados de España e dos parlamentarios de todos os grupos do Parlamento Europeo.
Federico Mayor Zaragoza, José Saramago, Nélida Piñón, Manuel Rivas, Suso de Toro, Mário Claudio ou Manu Chao son só algunha das persoas que mediante a sinatura dun manifesto apoiaron a Candidatura diante da UNESCO.
O traballo arredor do proxecto Meniños Cantores, plasmado na edición dun disco-libro-dvd é outra das aportacións que as escolas galegas e portuguesas fixeron chegar á UNESCO como mostra do traballo realizado a prol do patrimonio inmaterial galego-portugués.
O proceso percorrido pola Candidatura galego-portuguesa foi xa valorado como “modelo de boas prácticas” pola coordinadora internacional das Escolas Asociadas á UNESCO, Sigrid Niedermayer, quen recibiu a unha delegación de profesores na pasada fin de semana e a quen lle confirmou a súa presenza na delegación da Candidatura na cerimonia das proclamacións prevista para as 14 h. deste venres día 25.