Galegos e portugueses preparan unha gran festa para o día 25 en París ante as boas expectativas da Candidatura

Esta mañá remataron os acto de promoción na capital gala

As comunidades galegas e portuguesas en París prepáranse para celebrar unha gran festa o próximo venres 25 de novembro, coincidindo coa proclamación das Candidaturas do Patrimonio Inmaterial pola UNESCO, ante as boas expectativas con que conta a Candidatura Galego-Portuguesa.

Hoxe mesmo remataron na capital francesa os últimos actos de promoción deste proxecto por parte dunha delegación da Comisión promotora da Candidatura integrada por Santiago Veloso, Presidente da asociación Ponte…nas Ondas!, Lourdes Carita, Promotora da Candidatura en Portugal, Luísa Márquez, Coordinadora das Escolas Asociadas á UNESCO en Galicia, Luís Bará, Director Xeral de Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galicia e Ana Miranda, voceira do BNG no Parlamento Europeo.

Esta mañá mantiveron un encontro coa xunta directiva do Centro A Nosa Casa de Galicia en Paris, a quen lles expuxeron de xeito detallado esta Candidatura.

Onte á tarde tiveron lugar os dous últimos actos de presentación da Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués. O primeiro desenvolveuse, pasadas ás cinco e media da tarde, no Instituto Camoes de Paris. O acto foi presidido por Fátima Ramos, Conselleira de Cultura da Embaixada de Portugal, e asistiu tamén Antonio Cotrim representante da Embaixada ante a UNESCO.

Posteriormente a Comisión promotora trasladouse ata o Instituto Cervantes, onde ante unha nutrida representación das comunidades galegas e portuguesas en Paris, Santiago Veloso, Lourdes Carita, Luísa Márquez e Luís Bará explicaron os pormenores da Candidatura que opta a ser recoñecida coma Obra Mestra da Humanidade pola UNESCO o próximo venres 25 de novembro. Seguiuse a mesma pauta que nos actos celebrados en Madrid, Santiago, A Coruña ou Lisboa. Amais das intervencións proxectouse o vídeo da Candidatura remitido á UNESCO co título “Un Patrimonio para o futuro”, e os asistentes puideron coñecer tamén o vídeo-clip do tema central de “Meniños Cantores”. O actor galego Carlos Blanco foi o responsable de conducir este ano no que interveu a artista galega Mercedes Peón, interpretando temas tradicionais. Estivo presente tamén o grupo de gaitas da Casa de Galicia en París.

A actividade de onte pechouse cun encontro co escritor galego afincado en Francia Ramón Chao a quen amais dun dossier da Candidatura entregaron un exemplar do libro-disco-dvd de “Meniños Cantores”. Ramón Chao comprometeuse a difundir esta iniciativa no xornal Le Monde, e confirmou a súa presencia xunto a delegación galego-portuguesa o próximo venres 25 no acto de proclamación.

NOTA: Se desexan entrevistar aos promotores poden contactar con:
– Santiago Veloso, Presidente de Ponte nas Ondas!
Teléfono 00.34.615.029.840
– Lourdes Carita, Promotora da Candidatura en Portugal
Teléfono 00.351.905.40.66

Estarán en París ata mañá domingo

Saúdos- Gabinete de Comunicación:
Beti Rey – Telf. 00.34.630.78.33.27
prensa-opatrimonio@telefonica.net
Máis información en: www.opatrimonio.org