Os promotores da candidatura expuxéronlle as boas repercusión que no turismo de calidade terá a proclamación
O Conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco amosou hoxe o “compromiso” do seu departamento á Candidatura do Patrimonio Inmaterial, destacando que esta iniciativa serve para coñecer mellor a cultura galego portuguesa e impulsa ao seu redor un importante atractivo turístico. Así llo manifestou a Santiago Veloso e Xabier Prado, representantes da comisión promotora da importante na reunión que con el mantiveron esta mañá en Santiago.
O obxectivo deste encontro foi estudar as potencialidades turísticas da Candidatura, xa que a promoción deste patrimonio inmaterial incide directamente na potenciación do sector turístico. Os membros da comisión promotora explican que a súa proclamación vai supor un “incremento notable do turismo, pero sobre todo dun turismo de calidade que vai buscar a esencia da nosa cultura por todo o territorio e durante todo o ano”.
Por outra parte Turgalicia está desenvolvendo unha Campaña de Promoción da Candidatura sobre a tradición oral galego-portuguesa nas feiras onde está presente. Esa campaña de promoción vaise ver intensificada cun spot promocional na TVG, e coa edición de material promocional que será distribuído nas distintas feiras.
A Secretaría Xeral de Emigración promocionará a candidatura nos Centros Galegos no exterior
A Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia vai levar a cabo unha Campaña de Divulgación da Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués nos trescentos centros galegos que hai espallados polo mundo. Este foi un dos compromisos adoptados esta mañá polo Secretario Xeral de Emigración, Manuel Rodríguez, con quen tamén se entrevistaron esta mañá Santiago Veloso e Xabier Prado.
A Secretaría Xeral de Emigración dirixirase aos centros no exterior para que o próximo 25 de novembro, coincidindo coa proclamación da UNESCO, fagan unha manifestación exteriorizando a defensa desta cultura, achegándose incluso aos centros portugueses na diáspora, para que todos celebren a proclamación. Tanto a Consellería de Innovación e Industria como a Secretaría Xeral de Emigración pasan a integrarse na Comisión Promotora da Candidatura.