A Asociación Ponte…Nas Ondas manifesta a súa ledicia pola consecución do premio á Mellor iniciativa no campo da comunicación en medios informativos

premio_pno_2005Agora ábrese un novo ciclo encamiñado a establecer unha comunicación entre os países onde a cultura galego-portuguesa está presente

Asociación Pedagóxica “Ponte…Nas Ondas” quere manifestar a súa ledicia polo recoñecemento que supón para o traballo desenvolvido nos últimos once anos na xornada de Radio Interescolar “Ponte nas Ondas” o galardón que lles vén de conceder a Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta coma Mellor iniciativa no campo da comunicación en medios informativos dentro dos Premios Galicia Comunicación 2005. O xurado estivo formado por directores de medios impresos, radios, axencias de noticias e decanos ademais de, por membros da Administración.

A Asociación “Ponte… nas Ondas” quere facer partícipe do premio a todos os centros educativos que participaron nesta iniciativa dende a súa posta en marcha hai once anos, así coma as radios tanto galegas coma portuguesas que neste tempo formaron unha parte non só importante, senón tamén imprescindible, para o desenvolvemento desta xornada de radio interescolar. Foron a Rádio Ecos da Raia de Monçao, a Rádio Ines Negra de Melgaço, Rádio Cultural de Vilanova de Cerveira, Rádio Montealegre, Radio Municipal de Tui, Radio ECCA de Vigo, Radio Allariz, a emisora Escolar Casa da Cultura de Salvaterra de Miño, a Radio Galega e CMHW La Reina Radial del Centro de Cuba.

Os promotores desta iniciativa consideran que Ponte…nas Ondas! ten demostrado “as potencialidades que unha iniciativa nacida nesta parte do territorio é capaz de desenvolver atendendo as posibilidades propias”, converténdose en “innovadora e pioneira”. Con Ponte…nas Ondas! as escolas lograron a “incorporación activa dos xoves a un medio de comunicación como é a radio, cunha clara finalidade educativa”, unha experiencia enriquecida coa chegada das novas tecnoloxías, un feito que “agrandou as potencialidades iniciais”.

“Ponte…nas Ondas!” xurdiu en 1995 coincidindo coa inauguración da Ponte Internacional entre Salvaterra e Monçao. Daquela, as escolas decidiron aproveitar as radios escolares que había xa en moitas delas para tender unha ponte que fose máis alá, e unise aos centros educativos das dúas beiras do Miño. Aquela primeira experiencia de doce horas de radio foi crecendo afondando e traballando en temas coma a Rota do Escravo, ou coma nas últimas edicións o Patrimonio inmaterial Galego-Portugués.

Ao longo destes once anos Ponte…nas Ondas! foi sumando apoios, tanto por parte dos centros escolares participantes, coma por parte das radios galegas e portuguesas que un día ao ano ceden as súas ondas para transmitir as voces dos escolares. Tamén houbo neste tempo un apoio destacado de Telefónica de España, e de grandes figuras da comunicación coma Julia Otero, Iñaki Gabilondo, Gemma Nierva ou o portugués Diamantino José que nos seus programas conectaron con “Ponte…nas Ondas!”.

No ano 2004, cumprindo os dez anos, chegaba o recoñecemento europeo da man do EBLUL (European Bureau For Lesser Used Languages), organismo consultivo da Unión Europea e da UNESCO, que por unanimidade lle outorgaba a cualificación de experiencia “modelo” e exemplo de “boas prácticas”.

Sería innumerable relatar o número de artistas, galegos, portugueses, brasileiros e españois que tamén quixeron facer a súa aportación a este proxecto educativo.

Ás novas tecnoloxías, internet, permitiu amais estender a iniciativa a outros lugares onde as ondas sonoras tiñan moito máis difícil acceso, e coa difusión da xornada de radio por internet sumáronse escolas doutros puntos de España ou mesmo de Europa, pero tamén se tendeu unha ponte atlántica chegando ate o Brasil.

O traballo desenvolvido en torno ao Patrimonio deu pé á promoción da Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego Portugués que chegou o pasado mes de novembro á UNESCO. Candidatura que suscitou o apoio unánime de entidades e institucións de Galicia e de Portugal e apoios tan importantes como o do Parlamento de Galicia, o Congreso dos Deputados de España ou os grupos do Parlamento Europeo.

Pero ese mesmo traballo centrado na tradición musical está refrexado nun traballo innovador e moderno que recolle o libro-disco-dvd de “Meniños Cantores”, que está a ter unha grande acollida.

“Ponte…nas ondas!” vén de rematar un ciclo que culmina de xeito brillante coa consecución deste premio á Mellor iniciativa no campo da comunicación en medios informativos. Agora iniciase unha nova etapa na que esta experiencia “quere abrirse á sociedade galega e portuguesa, para compartir e ofrecer, unha actividade innovadora e creativa” que será a través da conversión de Ponte…nas ondas! nunha plataforma de educación, comunicación e cultura. Esta será unha innovadora experiencia ao reunir nunha mesma iniciativa os ámbitos da educación, a comunicación, as novas tecnoloxías,e o ámbito cultural co obxectivo prioritario de establecer unha ponte cos países onde a cultura galego-portuguesa está presente.