A comisión promotora manterá entrevistas cos eurodeputados dos distintos partidos e realizará un acto público no Orfeu- Librería Galego Portuguesa Unha delegación integrado polo Director Xeral de Creación e Difusión Cultural Luis Bará, a Responsable de Asuntos Europeos en Bruxelas, Ana Miranda, e os promotores da Candidatura Santiago Veloso e Lourdes Carita chegaron esta tarde a Bruxelas onde ata o xoves van manter unha intensa axenda de reunións e actos encamiñados á promoción da Candidatura do Patrimonio Inmaterial.
A primeira reunión vana manter mañá ás dez da mañá con Teresa Condeço, responsable da Unidade de Linguas Minoritarias e Rexionais da Dirección Xeral de Educación e Cultura da Comisión Europea. Pola tarde entrevistaranse co eurodeputado Vasco Graça Moura, membro do Partido Popular Europeo, e con Miguel Portas do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea, membros os dous da Comisión de Cultura de Educación do Parlamento Europeo. Continúan reuníndose con Monica Fassoni, co presidenta do grupo dos Verdes Alianza Libre Europea, e con Edite Estrela, Elisa Ferreira e Manuel Antonio dos Santos, Vicepresidente do Parlamento Europeo, e todos eles membros do Grupo do Partido Socialista Europeo.
O acto central da Xornada vai estar no Orfeu Libraría Galego Portuguesa de Bruxelas, exporán os pormenores da candidatura, os seus obxectivos, e as súas repercusións.
Santiago Veloso, promotor da Candidatura en Galicia e en España, explica que cos actos en Bruxelas o que se pretende é que “esta candidatura sexa coñecida non só nos limites coñecidos de Galicia e Portugal senón noutros lugares onde chegou o patrimonio como aqueles lugares onde está a diáspora”. Subliña amais sobre os encontros que van manter cos eurodeputados que “a idea de levar ao Parlamento europeo a Candidatura é comunicar que hai unha iniciativa que está na liña da construción europea, na que centros de dous países se poñen de acordo para potenciar un proxecto cultural común.”