A Casa da Música de Porto acolle mañá xoves a presentación de Meniños Cantores

Será na Casa da Música ás 16.30 hora española / 17.30 en Portugal

A Casa da Música en Porto, Portugal, acolle mañá xoves, ás 16.30 hora española, unha gala multimedia de presentación do libro-disco-dvd “Meniños Cantores”.

Sobre o escenario estarán os alumnos do IES de Salvaterra e o coro dos Meniños Cantores de Trofa en representación das dezasete escolas que participaron neste traballo innovador coa tradición oral dos dous países.

Non faltarán tampouco os artistas coñecidos das dúas beiras, que darán mostra tamén do recoñecemento internacional que este patrimonio inmaterial ten acadado coma parte do seu repertorio. Así entre os músicos convidados estarán Susana Seivane e Isabel Silvestre. As regueifas e cantares ao desafío darán mostra dunha tradición que segue viva, e a o través da proxección de distintos vídeos os asistentes terán a oportunidade de coñecer as distintas manifestación culturais que forman parte da Candidatura que opta a ser recoñecida pola UNESCO.

“Meniños Cantores” un proxecto no que dezasete escolas galegas e portuguesas recrearon a nosa tradición musical e que se recolle agora nun Libro con 98 páxinas a cor, con letras, textos, debuxos e fotografías, un CD con 28 temas musicais e pistas interactivas, e un DVD que inclúe dous documentais: un documental de 60 minutos que recolle o proceso de realización de “Meniños Cantores”, outro documental titulado “Un patrimonio para o futuro” cunha duración de 60 minutos; 17 videoclips, e cancións coa opción de versión karaoke.

Meniños Cantores xurdiu da colaboración entre a Asociación Ponte…nas Ondas! e o estudo Casa de Tolos. O traballo final foi editado por Pai Música. A gala do luns conta co respaldo da Consellería Cultura que apoio esta iniciativa ao igual que o resto de actividades que se desenvolven de promoción e difusión da Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego Portugués.