A través do Galicien-Zentrum de Tréveris presentará a Candidatura de Tradicións Orais Galego-Portuguesas e conmemorará o centenario de Lois Tobío
O Director Xeral de Creación e Difusión Cultural, Luis Bará, entrevistouse o mércores 19 de outubro en Tréveris co director do Galicien-Zentrum, Dieter Kremer para poñer as bases dun acordo de colaboración que permitirá difundir a cultura galega en Alemania. Entre as principais accións que desenvolverán conxuntamente están a presentación en Tréveris da candidatura das tradicións orais galego-portuguesas para Obra Mestra do Patrimonio Inmaterial pola Unesco, a celebración do próximo Galicien Tag (Dia de Galiza) e a conmemoración do centenario do nacemento de Luís Tobío.
A reunión entre Luis Bará e Dieter Kremer tivo lugar na sede do Galicien-Zentrum, na Universidade de Tréveris e completouse cunha visita ao Centro Galego de Documentación, o maior do mundo en bibliografía galega fóra das nosas fronteiras, que se está a instalar na Biblioteca Xeral da Universidade. Tanto Bará como Kremer coincidiron á hora de valorar a tradición histórica de Tréveris na investigación e difusión da cultura galega e a comenencia de que se convirta en plataforma de transmisión para toda Alemaña.
Na reunión de Tréveris aprobouse o marco de colaboración entre a Consellería de Cultura e o Galicien-Zentrum co fin de desenvolver un programa de actividades conxuntas que se mostre como escaparate da nosa cultura. Unha das primeiras accións que terán lugar nesta liña será a presentación na Universidade de Tréveris da candidatura das tradicións orais galego-portuguesas coa fin de conseguir novos apoios no seu camiño de cara acadar a condición de Obra Mestra do Patrimonio Inmaterial pola Unesco.
A visita a Tréveris enmárcase dentro da viaxe que o Director Xeral de Creación e Difusión Cultural realiza a Alemaña, co fin fundamental de asistir á Feira do Libro de Frankfurt na que teñen instalado un stand a Consellería de Cultura e a Asociación Galega de Editores.