A Consellería de Educación divulgará a Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués nos centros educativos

A Conselleira Elena Sánchez Piñon comprometeuse tamén esta mañá a patrocinar a edición e distribución do libro-disco-dvd de “Meniños Cantores”

De esquerda a dereita:
-Xabier Prado.Vicepresidente de Ponte…nas ondas!
-Luisa Márquez. Coordinadora Escolas Asociadas á UNESCO de Galicia
-Santiago Veloso.Presidente de Ponte…nas ondas!
-Laura Elena Sánchez Piñón.Conselleira de Educación
-MªJosé Pérez. Directora Xeral de Ordenación Educativa

A Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Elena Sánchez Piñón, comprometeu esta mañá o apoio do seu departamento á Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués. Un apoio que materializará na difusión da pno_18102005Candidatura nos centros educativos galegos coa edición de material didáctico, cartaces, folletos e posiblemente tamén un libro.

Elena Sánchez Piñón recibiu esta mañá a Santiago Veloso, Presidente da Asociación Pedagóxica “Ponte… nas Ondas!” promotora da Candidatura, quen acudiu acompañado do secretario da entidade Xabier Prado, e da coordinadora das Escolas asociadas á UNESCO, Luisa Márquez. Durante este encontro a Conselleira foi informada polos promotores do momento no que se atopa a Candidatura a trinta e oito días para que UNESCO emita a súa proclamación.

A Consellería de Educación vai apoiar asemade a visualización ou posta en valor dos traballos sobre o Patrimonio Inmaterial Galego Portugués realizados na escolas ao través da páxina web www.opatrimonio.org segundo informaba Santiago Veloso.

Amais nesta fase decisiva na que se atopa a Candidatura ata o 25 de novembro, a Consellería vai destinar mais profesorado para apoiar os traballos que restan por facer ata que a UNESCO emita a súa resolución. Outro dos compromisos adquiridos por Elena Sánchez Piñón cos membros da Asociación promotora é a ubicación no Museo Pedagóxico de Galicia, o MUPEGA, da exposición da xornada de radiointerescolar “Ponte … nas Ondas” coma mostra da singularidade desta experiencia pedagóxica, e coma exemplo “a nivel europeo da colaboración entre as escolas de dous países que foi quen de enxendrar unha candidatura ante a UNESCO” segundo explicaba Santiago Veloso. En relación con esta experiencia de radio interescolar Santiago Veloso explicou amais que a Conselleira estudará a proposta que lle fixeron referente a que “Ponte…nas ondas” sexa asumida pola propia Consellería de Cultura e Ordenación Universitaria xunta a Consellería de Cultura e Deporte, Política Lingüística e a Radio Galega coma “modelo de experiencia transversal a implantar en Galicia e o Norte Portugal”.

Por outra banda a Consellería vai patrocinar a edición e distribución de libro-disco-dvd “Meniños Cantores” que será presentado nun acto público na primeira fin de semana de novembro.

A entrevista coa Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Elena Sánchez Piñón, enmárcase na rolda de contactos que os promotores da Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego Portugués están a manter cos membros do goberno galego para exporlle os pormenores da iniciativa e solicitar a súa colaboración. Nesta rolda de contactos onte á tarde entrevistáronse co Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu.