A Facultade de Ciencias de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela súmase ao apoio da candidatura á Unesco da ‘Tradición oral galaico-portuguesa: Simboloxía e apropiación do medio natural’ como patrimonio oral e inmaterial da humanidade. A Unesco deberá tomar unha decisión sobre esta candidatura o vindeiro 25 de novembro, tras a súa presentación formal en outubro de 2004.
A comisión permanente da Xunta da Facultade de Ciencias da Comunicación decidiuse unir a esta iniciativa civil tendo en conta que o patrimonio oral actual “é o resto do primeiro medio de comunicación de masas que existiu nas distintas sociedades, e o exemplo vivo máis claro de cómo se transmitían noticias a distancia e cómo estas perviviron no tempo”. A Facultade quere apoiar esta iniciativa que reivindica “unha decidida promoción e preservación da ubérrima cultura tradicional compartida pola comunidade galaico-portuguesa nas súas máis diversas manifestacións” para que así a sociedade vexa recoñecida “a importancia para o seu presente e o seu futuro da creación que ela mesma fixo no pasado”.
A Facultade de Ciencias da Comunicación confirma deste xeito o arraigado compromiso da institución docente co eido cultural no que se inscribe, seguindo o exemplo doutras institucións como o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega, o Museo do Pobo Galego e a Consellaría de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia.