Esta colaboración realizase ao abeiro do convenio asinado entre “Ponte…nas Ondas!” e a CRTVG
A difusión e promoción da Candidatura do Patrimonio Inmaterial ante a UNESCO vaise ver reforzada a partir de mañá coa emisión de varias publireportaxes e cuñas promocionais ao través da Radio Galega e da TVG.
Este é un dos puntos recollidos no convenio que recentemente foi asinado entre a Compañía de Radio Televisión de Galicia, CRTVG, e a Asociación Cultural e Pedagóxica “Ponte das Ondas”.
O citado convenio contempla por outra parte a retransmisión pola TVG da gala de presentación do Libro-Disco-DVD de “Meniños Cantores” que se celebrará en Vigo o luns 7 de novembro. Ao tempo tanto a Radio Galega coma a Televisión Galega contribuirán á promoción deste traballo co patrimonio musical galego-portugués abordado por nenos, mozos, profesores, músicos e artistas.
Esta campaña de apoio levará a cabo ata finais do mes de novembro, data na que a UNESCO emitirá a súa resolución sobre as candidaturas que optan a ser proclamadas Obras Mestras da Humanidade.