A tradición oral galego-portuguesa entra na Real Academia Galega

O mércores, ás 20.30h, celébrase na Coruña un acto de promoción e apoio á Candidatura do Patrimonio Inmaterial

A tradición oral galego-portuguesa que opta a ser recoñecida pola UNESCO coma Obra Mestra da Humanidade entra este mércores, 9 de novembro, na Real Academia Galega. O auditorio desta institución acollerá ás 20.30h un acto de promoción e apoio a esta Candidatura.

A pouco máis de quince días de que a UNESCO emita a súa resolución a Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués prosegue a súa andaina de actos co gallo de que ninguén quede sen coñecer cal é o seu obxectivo.

A Real Academia Galega, unha das entidades promotoras, acollerá así este mércores a presentación oficial na Coruña. O contacontos Cándido Pazó será o condutor dun acto no que actuarán Mini e Mero, membros do grupo A Quella para interpretar Romances de Cego. Proxectarase o vídeo-clip do tema “Máis Perto” do traballo Meniños Cantores e o vídeo “Un Patrimonio para o futuro” que recolle os obxectivos e contidos da Candidatura.

Previamente intervirán Xosé Ramón Barreiro, Presidente da Real Academia Galega, e Francisco Fernández Rei, un dos académicos numerarios da RAG. Tamén se contará co presenza e intervención de Luis Bará, Director Xeral de Creación e Difusión Cultural, e de Santiago Veloso, Presidente da Asociación Ponte…nas Ondas!