A Universidade da Coruña apoia a candidatura da tradición oral galaico-portuguesa como patrimonio da humanidade

A Universidade da Coruña, como institución vinculada e comprometida co seu contorno cultural, social e económico, aprobou o venres 4 de novembro no consello de Goberno unha declaración institucional na que se suma á promoción da candidatura do patrimonio inmaterial galaico-portugués para que sexa proclamado pola UNESCO “Obra Mestra da Humanidade”.

Segundo o texto, a UDC está convencida da necesidade de preservar este factor de identidade común para as xeracións futuras, non só polo seu incontestable valor cultural senón tamén polas posibilidades de afondamento na colaboración e na promoción socioeconómica de ambas comunidades irmás.

O vicerreitor de Extensión Universitaria e Comunicación, Luís Caparrós, salientou que esta candidatura “ten un especial sentido para nós, como universidade galega, que vai máis aló do simple patrimonio cultural en perigo”. Segundo Caparrós, “a diversidade cultural é garantía da riqueza tamén nos ámbitos económico, turístico, social e identitario e compre unha función de estímulo para a creatividade e a innovación en calquera deses planos”.

O Sector de Cultura da UNESCO fará pública a proclamación sobre a candidatura oral galego portuguesa o vindeiro 25 de novembro.