Os eurodeputados galegos e portugueses presentarán a semana próxima unha declaración conxunta en favor da iniciativa
O embaixador de Brasil ante a Unión Europea e anteriormente embaixador ante a UNESCO, Jerónimo Mocardo, comprometeu onte o seu apoio á Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués que opta a ser declarado Obra Mestra da Humanidade pola UNESCO. Jerónimo Moscardo recibiu onte á delegación da Comisión promotora da Candidatura integrada por Luis Bará, Director Xeral de Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galiza, Ana Miranda, responsable para asuntos europeos, e Santiago Veloso e Lourdes Carita, Promotores da Candidatura en Galicia e Portugal. Nese encontro avanzoulles tamén que promoverá un acto de presentación da Candidatura na Casa de Brasil en Bruxelas o próximo 3 de novembro. Este feito é valorado moi positivamente polos promotores da Candidatura xa que significa “o primeiro avance do compromiso de Brasil” con esta iniciativa presentada ante a UNESCO.
Encontro con Miguel Porta
No día de onte a Delegación da Candidatura entrevistouse tamén coa delegación socialista portuguesa, integrada por Elisa Ferreira, Edite Estrela e o vicepresidente Manuel dos Santos, que se comprometeron a asistir ao acto que o próximo 5 de novembro se vai celebrar en Porto para presentar o libro-cd-dvd de “Meniños Cantores”. Ilda Figueiredo do PCP tamén confirmou esta mañá a súa presenza nese acto en Porto. A última reunión en Bruxelas tivo lugar este mediodía con Daniel Varela eurodeputado do PP quen tamén lle transmitiu á delegación o seu apoio á Candidatura.
A delegación da Comisión Promotora da Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués fixo este mediodía, unha vez concluídos todos os encontros, unha valoración moi positiva da actividade de promoción e divulgación da candidatura desenvolvida nos tres últimos días en Bruxelas, onde todos os eurodeputados cos que se reuniron se comprometeron a asinar unha declaración conxunta a favor da Candidatura. Precisamente a semana próxima, nun acto en Bruxelas, van presentar publicamente esa declaración. Este feito, segundo explican, vai “reforzar o compromiso dos eurodeputados españois e portugueses coa Candidatura”
A Delegación viaxa xa a Madrid onde mañá venres, continuando cos actos de promoción e divulgación a Candidatura vai ser presentada ás 20h no Círculo de Bellas Artes de Madrid.