A Candidatura do Patrimonio Inmaterial será presentada o xoves na embaixada de Brasil en Bruxelas
A embaixada de Brasil en Bruxelas vai acoller o xoves, ás 18.30h, a presentación da Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués. En plena conta atrás para coñecer a resolución da UNESCO sobre a Candidatura – producirase o día 25 – intensificase a campaña de promoción e divulgación desta iniciativa.
O acto de presentación correrá a cargo do Embaixador de Portugal en Bruxelas, e de Ana Miranda en representación da Comisión Promotora da Candidatura. Logo intervirá o escritor e poeta galego Xabier Queipo.
Amais para por en escena parte da tradición oral que opta a ser recoñecida pola UNESCO neste acto actuará o grupo de pandereteiras Ialma -referente da música galego-portuguesa na emigración- e o músico brasileiro Mauricio.
O Embaixador de Brasil recibirá a Delegación promotora en outubro
Lembramos que o pasado 12 de outubro unha Delegación promotora da Candidatura integrada por Luis Bará, Director Xeral de Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galiza, Ana Miranda, responsable para asuntos europeos, e Santiago Veloso e Lourdes Carita, Promotores da Candidatura en Galicia e Portugal, se reunira con Jerónimo Mocardo, embaixador de Brasil ante a Unión Europea e anteriormente embaixador ante a UNESCO. Nese encontro Jerónimo Mocardo, comprometera o seu apoio á Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués e avanzara que promovería un acto de presentación da Candidatura na Casa de Brasil en Bruxelas o próximo 3 de novembro. Ese feito fora valorado moi positivamente polos promotores da Candidatura xa que significa “o primeiro avance do compromiso de Brasil” con esta iniciativa presentada ante a UNESCO.
Avance da Candidatura en Europa
Por outra parte lembramos que un total de 27 eurodeputados de España, Portugal e Italia asinaron nas últimas semanas a declaración de apoio a Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués. As últimas sinaturas, polo momento, foron as de Carmen Fraga e Francisco Millán Mon do PP.