Cando pasedes o túnel da Canda, pola autovía, o que guía o coche que mire para adiante, pero os outros, que viren a cara para esquerda e contemplen Lubián, alí encaramado na ladeira.Enriba do pobo, como unha coroa, o cortello dos lobos.
O cortello é unha trampa de lobos tan singular, que só hai dúas en España. O cortello dos lobos de Lubián e o curro dos lobos de Barxacova, as dúas alí, nas Portelas.
O cortello é un muro circular de tres metros de altura, algo deitado para dentro, de uns corenta metros de diámetro, co cimo a ras do chan nun punto da ladeira.
Deixabamos polas noites unha cabra dentro. Viña o lobo, saltaba e logo non podía saír.
Pola mañá cazabamolo vivo. Cunha tereixa ao pescozo daba unha volta ao pobo nunha grande festa.
Agora xa non. Non pomos cebo no cortello, porque hoxe causaríamos estrés no lobo…
Así é que o concello inventou o «Día do Cortello», e cada ano, desde o dous mil, o sábado anterior ao 15 de agosto, todos os «lobos» de Lubián –pois aos de Lubián chámannos lobos–, xuntámonos pola noite arredor dun
lume, no cortello, para cear oito ou dez cordeiros, asados denantes ao forno, e ler, contar e escoitar contos e istorias de lobos, ouvindo a gaita e bebendo queimada.
Este ano tivemos con nós ao gaiteiro Raúl Galego que veu desde A Coruña para tocarnos a gaita, no millor sentido da palabra. Estades todos convidados para o futuro.
Todo isto, ao outro lado dunha invisible raia.
Hoxe en día hai xente que anda feita o demo polo demo das raias. Hai quen ten medo de que alguén esgaravelle algunhas máis no mapa.
Tampouco é a cousa para tanto.Claro que, canto máis aprecio se lle ten ás fronteiras, máis se teme que aparezan outras novas. Eu, como home das Portelas, levo anos decindo que todas as raias me dan xenreira. Eu non preciso para nada das raias dos mapas, desas raias que só sirven para separar, e nunca para xunxir.
Intento falar coma un lobo que soubera falar. Coma un lobo, coma un teixugo, coma un pigarro, que andan ou voan polo monte, por ese monte en man común, e polas ribeiras, e inda nunca atoparon ningunha fronteira.
Encontran ríos e camiños, agora máis cheos de monte que denantes; achan paredes, barreiras e cerras sen limpar, pero a raia entre Portugal e Galicia, a raia entre As Portelas, Portugal e Galicia, esas, esas raias
nunca foron recoñecidas por outro animal que non sexa o home. Ese home cheo de prexuizos, puro artificio, cheo de raias ata na cachola. E as raias que o home ten nos miolos sonche as peores fronteiras do mundo.
É desde ese contexto desde o que eu me teño dirixido como galegofalante das Portelas a todo o mundo que me quixera escoitar, aos ouvintes de cantos relatorios teño presentado sobre o tema do galego que
falamos máis alá desa raia invisible. É desde ese contexto desde o que me teño dirixido ás Cortes de Castela e León cando defendín a presencia do galego nas escolas do Bierzo ou na Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada, ou cando saudei unha mañá, a primeira hora, ao Pleno desas Cortes, dándolle os bós días en galego, como deputado que acababa de chegar desde un deses concellos da periferia onde falamos deste xeito, e que levamos máis de cinco
anos sen cheirar un só euro dos orzamentos rexionais, nunha interpelación sobre política xeral da Junta nas Comarcas Periféricas. A nosa cultura é coma os xílgaros, coma os teixugos, coma os raposos:
que sabe ela, a nosa cultura, do demo desas raias invisibles que vimos chamando fronteiras?
Os nosos carros sempre cantaron coma os das Frieiras. Eran outros tempos. Hoxe xa só canta o «Día do Carro Enfeitado» o oito de setembro.
Pero que digo coma os das Frieiras? Millor! Os nosos carros sempre cantaron millor, porque os freixos das Portelas sempre tiveron millor ouvido para a música.
Vénseme á memoria un refrán de Lubián que ouví moitas veces cando rapaz:
«Vaca das Frieiras e muller da Mezquita, quita, quita.»
Claro que non me esquezo tampouco daquel outro que di:
«Os lobos de Lubián
comen a xixa sen pan
e non beben viño
por non mollaren o fociño.»
En fin, en representación da Asociación Xente Nova, das Portelas, eiquí estou, porque a nosa cultura tamén é vosa, e porque desexamos con toda a ialma que a UNESCO lle dea a consideración de Obra Mestra da Humanidade.
Que así sexa.
Felipe Lubián