Día Mundial da Radio: Nas Ondas do Entroido

dia_mundial_radioPonte…nas ondas! celebra o Día Mundial da Radio acolléndose á proposta da UNESCO que dedica esta edición á relación da mocidade coa radio.

Ponte…nas ondas! foi pioneira en demostrar as posibilidades comunicativas da Radio Escolar tanto no Ensino Primario coma no Secundario e Universitario, podendo constituír un eixo transversal e vertebrador onde poidan confluír todas as áreas do ensino complementando e completando dun xeito eficaz o labor realizado dentro das aulas.

A radio é o medio da oralidade, o medio que máis contribúe a mellorar a competencia oral e comunicativa. É fundamental que a xuventude desenvolva estas capacidades na escola, nos medios de comunicación e nas redes sociais.

A UNESCO instituíu o día 13 de febreiro como Día Mundial da Radio e neste 2015 o tema é “ a xuventude e a radio “. Para Ponte…nas ondas! é unha unha boa oportunidade para convidar aos centros educativos da Eurorrexión a participar nesta festa da comunicación radiofónica.

Coincide ademais co ciclo do Entroido, unha das manifestacións máis representativas do patrimonio inmaterial galego-portugués que pretendemos que sexa inscrito na Lista Representativa da UNESCO. Por esta razón, propomos que a celebración sirva de ponte entre a radio e o entroido, facendo do día 13 unha data para reivindicar a radio nas escolas e o noso patrimonio común.

portada_dia_mundial_radioPara iso propómosvos as seguintes actividades aos centros educativos:
1. Gravación da noticia que vos gustaría escoitar pola radio. En galego ou portugués. ( máximo 2 minutos ).
2. Cuña de apoio ao patrimonio galego-portugués para que sexa patrimonio da humanidade. ( máximo 50 “ ).
3. A radio e ti. Algo máis que unha amizade…A túa experiencia coa radio. ( máximo 2 minutos ).
4. A radio e os nosos maiores: cal foi o primeiro aparello de radio que tiveron, que escoitaronn na radio, que lles gustaba, que nova máis sorprendente oíron ( máximo 2 minutos ).
5. A celebración do Entroido na túa contorna. Cóntao nunha reportaxe (máximo 4 minutos).
6. Participación no Certame que convocamos no campUSCulturae (www.campusculturae )
7. Retransmite o entroido: na túa escola, na túa parroquia, no teu barrio. Disfrázate e conta o entroido. Fai unha reportaxe que podes divulgar na Web do teu centro e en www.pontenasondas.org
8. Se tedes alumnado que desexe representar a Ponte…nas ondas! nalgunha emisora de radio o día 13, mandade as vosas propostas. Poderán participar nun programa de radio en directo.

Para participar, inscribirse en:
ondas@pontenasondas.org

Máis información en
www.pontenasondas.org