Os eurodeputados continuan a asinar unha declaración a prol do recoñecemento do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués coma Obra Mestra da Humanidade
Luns 31 de outubro de 2005. En plena conta atrás para que a UNESCO dea a coñecer a súa resolución sobre as manifestacións do Patrimonio Inmaterial que optan a ser recoñecidas pola UNESCO coma Obra Mestra da Humanidade, será o 25 de novembro, a Candidatura do Patrimonio Galego-Portugués segue a sumar apoios, non só en Galicia e Portugal senón tamén en Europa.
Os europarlamentarios, que a mediados de outubro coñeceron da man dunha delegación da Comisión promotora os pormenores da Candidatura, realizaron unha declaración na que manifestan por escrito o seu apoio. O texto coas sinaturas recadas ata a semana pasada foi xa presentado na UNESCO, pero día a día son máis o eurodeputados que se suman a ese apoio público a prol do recoñecemento pola UNESCO do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués.
Nesta declaración os membros do Parlamento Europeo manifestan o seu apoio a «unha candidatura que reflicte a cooperación entre dous países da Unión Europea, destacando a súa orixe no ámbito educativo, como instrumento de futuro para evitar a desaparición dunha cultura común».
Explican os eurodeputados que esta candidatura “valoriza a cultura tradicional común da eurorrexión, territorio de orixe dunha cultura que, na actualidade, presenta manifestacións en moitos países do mundo”. Destacan por outra parte “o carácter multinacional da candidatura que valoriza a cooperación transfronteiriza ao través dun patrimonio común que satisface, tamén, os requisitos de excelencia e de diversidade, requiridos pola UNESCO”.
Vintecinco eurodeputados asinaron xa a prol da Candidatura
A declaración foi asinada por 25 eurodeputados e eurodeputadas de Portugal, España e Italia, destacando a participación de asinantes dos cinco grupos políticos máis importantes.
Entre os asinantes das declaración están o Vicepresidente do Parlamento Europeo, Manuel António dos Santos (Portugal), a Copresidenta do Grupo dos Verdes-Alianza Libre Europea Monica Frassoni (Italia), os membros da Comisión de Educación e Cultura da Eurocámara: o poeta Vasco Graça Moura (PP), Miguel Portas (Bloco de Esquerda-Portugal), Maria Badia (PSC), os eurodeputados galegos Rosa Miguélez (PSdG), Antolín Sánchez Presedo (PSdG) e Daniel Varela (PP), os deputados de Galeusca Jose Ortuondo (PNV) e Ignasi Guardáns (CiU), os eurodeputados do Grupo Verdes ALE Raul Romeva (ICV) e David Hammerstein (Verdes), Willy Meyer (IU), Pedro Guerreiro (Grupo Confederal da Esqueda Unitaria Europea/Esquerda Nórdica Verde-GUE-PCP) e a maior parte dos membros da delegación portuguesa no Parlamento Europeo.