Con elas actuarán “As Damas de Laxoso” con música tradional galega e Katia Guerreiro interpretando fados
O grupo IALMA, formado por cinco galegas residentes en Bruselas, participará o vindeiro 2 de novembro dentro do programa do festival “Voix de Femmes” na capital belga.
Este concerto será ofrecido como parte dun programa dun festival, que ao longo de sete anos ven celebrándose en tres cidades belgas: Bruxelas, Liége e Amberes. Dende hoxe 28 de Outubro e ata o 5 de novembro, os asistentes poderán disfrutar non só dunha oferta musical, que contará este ano con artistas femininas como Carmen Linares, Katia Guerreiro, entre outras, senón que o festival “Voix de Femmes” preséntase tamén coma un referente para o teatro, a danza, e a literatura, ao tempo que alberga tamén diferentes exposicións e obradoiros.
O grupo musical IALMA, referente da música galego-portuguesa na emigración, participará o mércores día 2 nun concerto que se presenta especial por varios motivos. Non estarán soas en escena, contarán no concerto cunha colaboración especial: As Damas de Laxoso. Será a primeira vez que estas cinco damas orixinais da aldea de Laxoso, canten alén da súa terra galega. Amelia Adán Vilanova, María Cristina Moledo Moreira, Leopoldina Cabirta Piñón, Áurea Adán Mosquera e Delia Domínguez Montes, memorias vivas da música tradicional, cantarán a súa tradición, aquela que aínda seguen transmitindo hoxe, facendo de seguro un concerto inesquecible.
Á súa vez, IALMA dedicará este concerto á candidatura do Patrimonio Galego-Portugués presentada ante UNESCO para o seu recoñecemento coma Obra Mestra da Humanidade.
O mesmo día 2, Katia Guerreiro, abrirá con fados portugueses o concerto que seguirá despois coa actuación de IALMA e as Damas de Lasoxo.
Isto terá lugar a partir das 20:00 na sala “Halles de Schaerbeek” de Bruxelas.