II Encontro das Escolas Associadas á Unesco da Galiza

Os próximos días 23,24 e 25 as Escolas Asociadas á UNESCO de Galicia van celebrar o seu Encontro Anual en Santiago de Compostela. Este encontro ten como tema ” O PATRIMONIO INMATERIAL” e vai constituírse nunha das accións de apoio á Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués da que son promotoras estes centros educativos. Da mesma forma trátase de mostrar o traballo realizado con este patrimonio desde os centros asociados, labor que está a ser moi valorado pola UNESCO e que constitúe un dos aspectos máis vantaxosos para a Candidatura. O encontro vai ser aberto o mércores ás 12,30hs. polo Coordinador das Escolas Asociadas de España, D.Miquel Martí, unha representación da Consellería de Educación e a Coordinadora Autonómica Dna. Luisa Márquez. Unha proxección sobre a Candidatura de Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués mostrará os contidos e pormenores da proposta presentada na Unesco. Pola tarde,a partir das 16,30 hs. os alumnos/as repartiranse nos seguintes obradoiros: “Danza e Músicas tradicionais”, onde os e as nenas aprenderán danzas e cancións de Galicia e Portugal; ” Artes”, adicado á construción dos Maios e ao encaixe de bilros; “Escritura”: onde os nenos e nenas recopilarán contos, lendas, tradicións, refráns, adiviñas,..; “Monicreques e bonecas”, adicado á construcción de xoguetes tradicionais; e “Presentacións”, onde as escolas presentarán os seus traballos sobre o patrimonio inmaterial. A xornada do xoves 24 continuará co labor do alumnado nos obradoiros e completarase cunha visita á cidade de Santiago, Patrimonio da Humanidade. O venres 25 haberá unha sesión en común para todos os alumnos/as para elaborar xoguetes tradicionais. Ás 12,30 hs. realizarase a Asemblea Xeral coa leitura das conclusións e a entrega dos diplomas. Un xantar e unha foto de grupo porá fin a este encontro. Durante os tres días do Encontro haberá unha exposición de traballos realizados desde as escolas sobre o patrimonio inmaterial galego-portugués, onde haberá un maio, xoguetes tradicionais e traballos de rendas de bilros.