O presidente da Xunta compromete o seu apoio á nova presentación da Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués no Parlamento Galego.
Nunha comparecencia o día 8 de marzo de 2006 no Parlamento Galego, Emilio Pérez Touriño comprometeu que o Goberno que preside porá todos os medios, de xeito firme e decidido, para conseguir dar un impulso definitivo e fortalecer a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. «Este Goberno asumirá, por enriba de todo, o desafío de fortalecer a Eurorrexión, de consolidar, ampliar e darlle un novo horizonte», subliñou.
O máximo mandatario galego referiuse á necesidade de reforzar a imaxe e a proxección exterior da Eurorrexión. «As oportunidades neste eido son múltiples e variadas, sustentadas polos estreitos vínculos que existen entre Galicia e o Norte de Portugal», sinalou, engadindo que, polo tanto, é preciso elaborar estratexias que reforcen o campo turístico, audiovisual e cultural, impulsando de novo a candidatura galaico-portuguesa á declaración pola Unesco como Obra Mestra da Humanidade.