Intelectuales Europeos asinan un manifesto a prol da Candidatura

Mayor Zaragoza, Saramago, Nélida Piñón, Suso de Toro e Manuel Rivas son algúns dos asinantes

Intelectuais europeos veñen de asinar un manifesto a prol da Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués, que opta a ser recoñecido coma Obra Mestra da Humanidade pola UNESCO o próximo 25 de novembro nun acto solemne en París.

O ex director xeral da UNESCO, Federico Mayor Zaragoza; o Premio Príncipe de Asturias das Letras de 2005, Nélida Piñón; o Nobel de Literatura de 1998, José Saramago; os escritores galegos Suso de Toro e Manuel Rivas, os portugueses Vasco Graça Moura e Mario Claudio son algúns dos asinantes deste documento. Tamén deixaron a súa sinatura Ramon Chao, Manu Chao, Uxía Senlle, Jose García e Manuel Dios Diz.

O manifesto, escrito baixo o título “Un patrimonio para o futuro” fala das orixes desta candidatura na sociedade civil, nas escolas participantes na xornada de radio escolar “Ponte…nas Ondas!” sinalando que “son precisamente os nenos e as nenas o centro do proxecto que apoiamos”. Prosegue sinalando que o fin da Candidatura é “antes de nada estimular a estima polo patrimonio cultural rico e complexo que herdamos e tamén a curiosidade por coñecer os veciños por riba de fronteiras”.

Manifestan por outra parte que “sobre este propósito de educar xeracións que saben vivir no seu tempo sendo leais co seu pasado queremos que o mundo enteiro, a través da proclamación pola UNESCO como Obra Mestra do Patrimonio Oral e Inmaterial da Humanidade, recoñeza as tradicións orais galego-portuguesas”. Falan así dunha rica literatura de tradición oral, da cultura marítima que mantivo “os vínculos entre ambas comunidades”, do espírito comunitario presente nas actividades agrarias tradicionais e as variadas expresións lúdicas, festivas e de lecer. Todos estes ámbitos fan fincapé en que “abranguen unha cultura común que satisfai as condicións establecidas pola UNESCO: ser unha cultura aínda viva mais en perigo de desaparición e enraizada nunha tradición con manifestacións de excelencia”.

A proclamación deste Patrimonio Inmaterial coma Obra Mestra da Humanidade pola UNESCO o próximo día 25 vai permitir segundo sinalan “a posta en valor da cultura tradicional, que aquí ten unha densidade enorme, como factor de dignificación, orgullo e marca de identidade”. E inciden nos “efectos positivos no desenvolvemento endóxeno e sustentábel en todo o territorio onde se expresa esta cultura”.

Conclúen manifestando que “a cultura nacida neste territorio, con esta proclamación, será motivo de orgullo en todo o mundo a través das persoas e países dos que fai parte da súa identidade”.