Lisboa acolle o luns a presentación da Candidatura

O acto terá lugar no Centro Cultural de Belén. Actuarán Uxía Senlle e Isabel Silvestre

A Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Protugués será presentada o próximo luns en Lisboa, a once días de que a Unesco emita a súa resolución sobre as candidaturas que optan a ser recoñecidas coma Obra Mestra da Humanidade.

O acto terá lugar no Centro Cultural de Belém, ás 16 hora portuguesa, sendo conducido por Avelino González, actor, director, e contacontos galego.

Neste acto seguirase o mesmo esquema que nas presentación desenvolvidas con anterioridade noutros lugares coma Madrid ou Santiago. Combinaranse as actuacións en directo de manifestacións do Patrimonio Inmaterial coa proxección do vídeo “Un Patrimonio para o futuro” e do vídeo-clip “Máis perto” pertencente ao libro-disco-dvd de “Meniños Cantores”. A tarefa de achegar a tradición musical de Galicia e Portugal aos asistentes corresponderá á cantante galega Uxía Senlle, e á portuguesa Isabel Silvestre.

Non faltarán tampouco neste acto as palabras. Álvaro Campelo, Director do Centro de Antropoloxía de Porto e asesor do dossier sobre a Candidatura remitido á UNESCO falará sobre este patrimonio común. Tamén intervirán membros da Asociación Ponte…nas Ondas! promotora da Candidatura.

Presentación da Candidatura en Lisboa Luns 14 de novembro ás 16 hora portuguesa
Centro Cultural de Belém
Praça do Império
1499 – 003 Lisboa
Portugal