Os eurodeputados galegos e portugueses farán unha declaración a favor da candidatura do patrimonio inmaterial

O vicepresidente do Parlamento Europeo transmite unha mensaxe clara en favor da iniciativa

Os eurodeputados galegos e portugueses no Parlamento Europeo van emitir unha declaración conxunta a favor da Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués que opta a ser declarado Obra Mestra da Humanidade pola UNESCO o próximo 25 de novembro. Así llo expuxeron hoxe á delegación que está a promocionar a candidatura en Bruxelas. Esta delegación está integrada por Luis Bará, Director Xeral de Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galiza, Ana Miranda, responsable para asuntos europeos, e Santiago Veloso e Lourdes Carita, Promotores da Candidatura en Galicia e Portugal. A iniciativa desta declaración dos eurodeputados partiu de Miguel Portas, membro da Comisión de Cultura e Educación do Parlamento.

A delegación da Candidatura foi recibida por Manuel Antonio dos Santos, Vicepresidente do Parlamento Europeo, quen amais de apoiar a declaración conxunta dos eurodeputados, tamén lles transmitiu o seu apoio persoal cunha mensaxe clara a favor da iniciativa, e comprometendo a súa presenza nalgúns dos actos previstos para as próximas semanas, posiblemente na presentación do libro-CD-DVD de Meniños Cantores o día 5 de novembro en Porto.

Por outra banda Vasco Graça Moura como intelectual, deputado e membro da Comisión de Cultura e Educación do Parlamento Europeo avanzou que vai promover e asinar un manifestou de intelectuais en apoio á Candidatura do Patrimonio Galego Portugués.

Dende a comisión promotora da Candidatura, Santiago Veloso, amosou a satisfacción que lles produce a receptividade que están a ter nos encontros que ata o momento mantiveron en Lisboa. Todos os deputados valoraron moi o traballo desenvolvido ata o de agora a prol do patrimonio inmaterial, cualificándoo de exemplar.

Na delegación está tamén presente Luis Bará, Director Xeral de Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galiza,quen está a transmitir o apoio do Goberno galego á esta candidatura, algo que está a ser valorado positivamente polo feito de aparecer o Goberno de Galicia xunto ao de Portugal apoiando unha iniciativa coma esta.

Os encontros cos eurodeputados continuarán tanto mañá mércores ao longo de toda a xornada coma o xoves pola mañá.